CRTVG

Buscar

Pescadores, ciclistas e camiñantes recuncan ás Fragas do Eume

Publicado o 24/05/2020 14:37

As fragas sucumbiron á primavera mentres nós permaneciamos confinados nas nosas cosas. Pasaron máis de dous meses e agora, cando regresamos, o bosque atlántico está esplendoroso. Os primeiros en recuncar foron os deportistas.

Un ciclista explica que "é unha zona moi bonita para facer deporte, ao aire libre, con pouca xente. Podes gardar perfectamente a distancia de seguridade, a verdade é que está moi ben". "É o que facía falta, saír, gozar e quitar o estrés que temos de estar pechados na casa", comenta un home que pasea cos seus cans .

Volveron tamén os pescadores, hoxe con pouca fortuna porque o río vai moi baixo. Os camiñantes regresaron aos sendeiros, aínda que as fragas están lonxe de recuperar o volume de visitas habitual.

"De momento pouca xente vimos pasar, algúns a pé, outros facendo deporte, pero non hai xente coma outros anos", cóntanos un pescador. Di unha visitante que as fragas son máxicas. "Camiñamos un pouco, tomamos un café e logo se guiremos camiñando un pouco máis", engade.

O centro de interpretación de Pontedeume reabriu esta mesma semana con novos protocolos para asegurar a hixiene e o distanciamento social. As fragas do Eume celebran hoxe o Día Europeo dos Parques Naturais, o primeiro da era poscoronavirus.

Noticias web

24/05/2020