CRTVG

Buscar

Persoas con mobilidade reducida quedan practicamente illados polo mal estado dun camiño en Beade (Vigo)

Publicado o 15/01/2020 14:38

Nin de fronte nin para atrás. É imposible transitar cunha cadeira de rodas por este camiño de Beade. Hai poucos meses asfaltárono. Todo excepto un tramo de trinta metros. Unha decisión que os veciños non acaban de entender.

O mal estado do camiño aféctalle especialmente a unha familia da parroquia con dous dos seus membros con mobilidade reducida. María ten que desprazarse en cadeira de rodas e séntese illada na súa propia casa. Por estas escaleiras só pode saír con axuda e cando o intenta polo camiño atópase cunha vía intransitable, e máis cando vai mal tempo.

Os veciños esixen que se solucione a situación na que se atopa o camiño de Casa Vella.

Esta familia xa presentou as súas queixas e demandas no Concello, pero polo de agora non tiveron resposta.

Noticias web

15/01/2020