CRTVG

Buscar

Pendentes do veredicto polo crime de Chapela

Publicado o 11/04/2019 13:57

Para chegar a un veredicto, os membros do xurado deberán avaliar os testemuños que ao longo de catro días escoitaron na sección quinta da Audiencia en Vigo, onde o acusado declarou non lembrar nada do acontecido como consecuencia do consumo de alcol e ansiolíticos.

Unha manifestación que contradí a dos médicos e forenses que o examinaron física e psicoloxicamente. En base aos seus informes, explicaron que Jose Luis Luna foi consciente dos seus actos descartando que actuara ebrio, drogado ou con síndrome de abstinencia. Aínda así a defensa solicita que se apliquen estes eximentes e que absolvan dos intentos de asasinato e de homicidio o mozo que socorreu a vítima e os policías que reduciron o acusado.

Estes axentes declararon na vista que temeron polas súas vidas, xa que José Luis Luna ía armado e non colaborou en ningun momento, amosando unha actitude violenta. Na última xornada da vista, o forense que lle practicou a autopsia á vítima confirmou que o impacto de bala que recibiu Daniel Beltrán foi mortal e realizado a canón tocante cun revólver de gran calibre como o que se lle incautou ao acusado. Nas alegacións finais, o avogado da acusación particular salientou o valor do mozo que o perseguiu e alertou o 112 posibilitando a súa detención.

No seu nome dixo que a familia da vítima agarda que declaren culpable a José Luis Luna para que non volva matar. Antes de rematar o xuízo, o acusado deulles o pésame, recoñeceu non ter perdón e ser unha vítima do sistema.

O fiscal pediu a máxima pena para José Luis Luna. Definiuno como un violento delincuente que na noite de San Xoán de 2017en Arealonga disparou mortalmente contra Daniel Beltrán, un mozo de 25 anos que lle recriminou que ouriñara sobre unhas rapazas que estaban na praia.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

11/04/2019