CRTVG

Buscar

Peixe sapo con ameixas e año de Trives, pratos fortes no menú de fin de ano do hospital de Santiago

Publicado o 31/12/2019 13:01

Hai quen non ten máis remedio que pasar días coma hoxe nun hospital, pero aínda así, á hora de comer vivirá un momento festivo. Os responsables dos menús hospitalarios organizan comidas especiais para estas datas.

Nos fogóns do Complexo Hospitalario de Santiago ultiman o menú da Noitevella. É unha cea especial e fan todo o posible para que os pacientes ingresados o sintan así.

Javier Vidal, responsable do Servizo de Alimentación do Complexo Hospitalario de Santiago: "Estar hospitalizado nestas datas xa non é fácil e polo menos ter unha pequena sorpresa; á hora de xantar ou de cear que che veñan con algo distinto que che rompa a rutina". 

Para compoñer eses menús festivos, aquí teñen en conta moitos factores.

"Os lagostinos é un clásico; unha Noitevella sen olor a lagostino parece que non é festa", di Javier Vidal.

Fóra diso, priman coma cada día, os produtos frescos de proximidade... O prato forte para despedir o 2019 é peixe sapo con ameixas á mariñeira.

Javier Vidal, responsable do Servizo de Alimentación do Complexo Hospitalario de Santiago: "É un peixe moi doado de comer, porque comer nunha cama..., en tema de peixe esas cousas hai que telas en conta".

E de sobremesa, doces de Nadal, con azucre e sen el para os pacientes con diabetes. O xantar de Aninovo tamén será especial: unha sopa feita cos miúdos dos capóns de Noiteboa, año de Trives e postre caseiro.

"Unha torta de Nadal que facemos aquí, e así imos pasando a festa. Que o 2020 veña ben para todos e que aproveite!", conclúe o responsable do Servizo de Alimentación do CHUS. 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

31/12/2019