CRTVG

Buscar

Peiteadores e esteticistas piden a baixada do IVE do 21 % ao 10 %

Publicado o 20/01/2021 14:43

Son peiteadores, barbeiros e esteticistas... Reivindican a súa condición de servizo esencial, pero denuncian que os gravan como artigo de luxo. Denuncian a asfixia do sector, Saíron á rúa en toda España para pedirlle ao Goberno unha baixada do IVE.  

A presidenta da Asociación de peitadores e salóns de beleza de Ourense, María José Rochol, explica: "Pasamos dun oito a un 21 % por cento en 2012 e pedimos que nos consideren como somos, esenciais cun IVE reducido".

Reclaman volver operar co 10 % de IVE. O tipo reducido que tiñan en 2012, antes da suba imposta na anterior crise.

"Dixéronnos que era temporalmente, pero levamos oito anos agardando", lamenta unha peiteadora de Vigo.

Coa pandemia todo vai a peor. Traballan ao cincuenta por cento da súa ocupación. Sen eventos nin xuntanzas sociais, teñen menos clientes e os mesmos gastos.

"Sentímonos moi desamparados porque non temos axudas de nada. Non hai festas, non temos vodas e os gastos son os mesmos: alugueiros, persoal...", engade unha das peiteadoras que participou na protesta de Santiago.

Din que ingresan un corenta por cento menos. Piden un plan de rescate e ven na baixada do IVE o seu salvavidas: "Para poder manter os nosos negocios abertos e poder manter os salarios dos nosos empregados nestes momentos", coincide este outro afectado de Vigo.

Calculan que a pandemia levou máis do 40 por cento do emprego no sector.




 

Noticias web

20/01/2021