CRTVG

Buscar

Cortado un carril da A-52 á altura da Cañiza polo incendio dun camión

Publicado o 25/01/2021 21:16


O tráiler circulaba pola autovía 52 en dirección Ourense cando, ás 7.30 da mañá e por motivos que aínda se descoñecen, probablemente unha avaría, se declarou o incendio no vehículo.

O condutor estivo a tempo de parar o camión neste túnel do Folgoso, no concello da Cañiza, e de saír polo seu propio pé sen que tivera que lamentar danos persoias.

Porén o fume ocasionou moitos problemas de visibilidade. Houbo que cortar o tráfico en ambos os dous sentidos e ata primeira hora desta tarde non se restableceu a circulación só no carril en dirección Vigo. Fontes consultadas pola Televisión de Galicia informaban que á ultima hora deste serán o carril en sentido Ourense permanece aínda cortado.


Os desvíos e as retencións neste punto da rede viaria son constantes. A Garda Civil estableceu como ruta alternativa a Nacional 120 de Fontefría ata A Cañiza. Os Bombeiros de Ponteareas e Ribadavia sufocaron o lume en pouco máis de dúas horas pero os traballos de limpeza e mantemento da estrada son grandes.