CRTVG

Buscar

Pechan dúas aulas de dous colexios de Vigo tras detectaren senllos positivos

Publicado o 21/09/2020 16:16
Pechan dúas aulas de dous colexios de Vigo tras detectaren senllos positivos

Vinte e cinco alumnos e tres profesores dun colexio de Vigo foron illados tras se detectar un caso de covid−19 nunha aula de infantil. É o dunha pequena de tres anos do centro plurilingüe Mariano das Franciscanas, que se contaxiou no ámbito familiar. O colexio puxo en marcha o protocolo anticovid−19 en coordinación coa Consellería de Sanidade e illou os compañeiros e mestres da cativa. O resto do centro, iso si, funciona con normalidade.

Tamén no CEIP Pintor Laxeiro tiveron que poñer en corentena un curso de primeiro de primaria por un positivo. Na área sanitaria de Vigo hai 457 pacientes activos con coronavirus.

Hoxe abriu de novo o colexio Calasancio de Pontevedra, o primeiro que tivo que pechar en Galicia por un gromo de coronavirus a semana pasada. A actividade educativa desenvólvese con normalidade, malia que hai pechadas preto de trinta aulas en toda a comunidade por detectarse algún caso de covid−19.

Noticias web

21/09/2020