CRTVG

Buscar

Permanece pechado un carril da A-52 á altura de Verín por un accidente dun camión

Publicado o 06/06/2019 18:36

Permanece cortado un carril da autovía A-52 á altura de Verín, en sentido ao Porriño, polo accidente dun camión esta madrugada. O condutor asegurou que quedara durmido e o tráiler saíu da vía, envorcou e ardeu por completo, malia ir cargado de xeados. O home foi auxiliado por outro camioneiro e só sufriu feridas leves. 

Ás tres e media da mañá recibían o aviso no 112. Un tráiler estaba ardendo no quilómetro 155 da A-52, xusto no enlace de Ábedes e Vilardevós. Pasan as horas e o camión segue fumegando, vixilado por un retén dos bombeiros de Verín que ten que actuar de vez en cando para sufocar as lapas. Malia a ir cargado con 12 toneladas de xeados non para de arder, entre os envoltorios e o azucre.

"Debido á carga, 12.000 quilos de produtos conxelados, fundamentalmente xeados, o azucre fai que estea facendo combustión constantemente, así que teñen que estar os bombeiros pendentes porque, mentres non se extinga o incendio, non se pode retirar o vehículo", explica Lorena Cid Salgado, sarxento do destacamento de Tráfico de Verín.

O condutor, de 43 anos e natural de Torrexón de Ardoz, saíu practicamente ileso. El mesmo confirmou que quedara durmido ao volante. Trasladárono ao hospital de Verín para facerlle unha revisión pero, aparentamente, só levaba unha pequena queimadura nun brazo, malia o estado en que quedou a cabina. Un camioneiro portugués que pasaba pola zona axudouno a saír a tempo.

"Tivo sorte que pasou outro camioneiro que circulaba pola A-52, un camioneiro portugués que parou, baixou e axudouno a saír porque xa tiña unha parte do brazo algo queimada. Pero foi ferido leve. E xa chamaron ao 112 para activar todo o protocolo de asistencia: bombeiros, 061 e a nós", aclara Cid Salgado.

O camión quedou completamente encaixado contra un piar do paso elevado. Calculan que tardarán horas en sacalo de aí, polo que o carril dereito seguirá, de momento, cortado.