CRTVG

Buscar

Pecha o hospital de campaña de Ifema, estaba aberto desde o 21 de marzo

Publicado o 01/05/2020 14:44

Esta mañá pechou o hospital de campaña de Ifema, aberto desde o 21 de marzo. Nestes corenta días recibiu preto de 4.000 pacientes, o 99% deles recibiron a alta. Quedará montado ata finais de maio polo menos por se se precisase reabrir se hai un rebrote.

Foi o hospital de campaña máis grande de España. Improvisado nun palacio de congresos e construído en dezaoito horas, Ifema foi un respiro durante 40 días para evitar o colapso da sanidade madrileña. Chegou a ter 1.350 camas operativas e 96 postos de coidados intensivos. Dos preto de catro mil pacientes que pasaron por aquí, 3.750 foron dados de alta.

Hoxe é o día da despedida, emotiva para os que lidaron coa enfermidade pero tamén reivindicativa.
Berros de "queremos tests" e a prol da sanidade pública no exterior. No acto de clausura, discursos de agradecemento das autoridades. Aos profesionais e aos pacientes.

O momento máis emotivo da mañá, a despedida aos últimos pacientes de Ifema.
Este macrohospital de campaña, símbolo da loita contra o virus na comunidade madrileña, apaga as luces pero as instalacións seguirán dispoñibles por se se precisasen no futuro.

Noticias web

01/05/2020