CRTVG

Buscar

Pecha a derradeira tenda de discos novos de Ourense

Publicado o 26/06/2020 14:29

Pecha Peggy Records, referente musical en Ourense nas últimas tres décadas. Un espazo que convida á nostalxia, rodeado de vinilos e pósters dos grandes clásicos da música de todos os xéneros e de todos os tempos. Pecha hoxe, e faino na compaña de todos os seus seguidores e moitos amigos que, como di o dono, hoxe asisten ao funeral.

Miles Davis ambienta a derradeira sesión de Peggy Records.

"Un disco dos meus favoritos. Hai 30 ou 40 anos que o teño. É un dos que van soar hoxe", dinos Carlos Álvarez, dono de Peggy Records.

Carlos Álvarez, melómano e tendeiro, actuou os últimos 31 anos como prescriptor musical en Ourense e conseguidor de rarezas. Máis que clientes ten colegas que se deixan guiar por este labirinto melódico e tamén fan achegas.

"Eu son amigo persoal de Carlos. Sempre merquei aquí os meus discos. Fonte de sabedoría, de información, de cultura...", dinos un deles.

Non é a única tenda de discos en Ourense. Tamén os podemos adquirir nas grandes superficies, ou de segunda man, pero o peche de Peggy representa a fin dunha era que arrincaba coa súa fundación nun afastado 1989.

"Houbo moitos momentos delicados -recorda Álvarez- nunca contra as cordas porque sempre soubemos ver ben o futuro. Durante a crise dixital adiantámonos metendo segunda man, cine e libros. Iso axudounos moito. E depois fómonos adaptando aos tempos, vendo o que quería o cliente...".

Clientes que non faltaron a esta derradeira cita cun local que encarna para eles un xeito particular de entender a música.

"Chámannos raros aos que compremos vinilos, pero é a única maneira que tes de gozar dun disco enteiro, de pe a pa, en lugar doutras plataformas que tes que ir saltando", coméntanos outro cliente.

"Non é coma vir aquí, tocar o disco, ver a portada, sacar o disco... Todas esas cousas que nos gustan aos que nos gusta isto", di un mozo mentres revisa discos coa súa máscara.

Marcha, pero non desaparece. Desta liquidación por peche conta con que sobrevivirán máis de 20.000 exemplares, que seguirá vendendo en liña. Novos mercados para os clásicos.

Noticias web

26/06/2020