CRTVG

Buscar

Pablo Iglesias celebra que Sanidade permita finalmente que os nenos paseen

Publicado o 21/04/2020 22:31
Pablo Iglesias celebra que Sanidade permita finalmente que os nenos paseen

O vicepresidente segundo de Dereitos Sociais, Pablo Iglesias, celebrou este martes que finalmente se lles permita aos nenos menores de 14 anos pasear acompañados ao aire libre desde o vindeiro domingo, tal e como pedira a Dirección Xeral de Dereitos da Infancia e da Adolescencia, que depende do seu departamento.

"Nenas e nenos deben poder saír á rúa para respirar ao aire libre, con paseos curtos e controlados. É de sentido común. Con esta medida conséguese un equilibrio entre a protección fronte á pandemia e o benestar emocional dos nenos e as nenas", defendeu nunha mensaxe que difundiu polas redes sociais.

Malestar en Unidas Podemos

O anuncio realizado este martes tras o Consello de Ministros pola portavoz do Goberno, María Jesús Montero, de que só se deixaría saír os nenos para acompañaren os adultos nos desprazamentos xa permitidos, como ir ao supermercado, xerou malestar e sorpresa en Unidas Podemos.   

Segundo defenderon varios dirixentes e cargos da organización confederal, esas condicións para regular as saídas dos nenos íanse tratar e debater nunha reunión posterior entre a Dirección Xeral de Dereitos da Infancia, o Ministerio de Sanidade e o equipo da Vicepresidencia cuarta de Teresa Ribeira, que dirixe a desescalada.

Por iso, foron numerosas as voces que desde primeira hora da tarde comezaron a esixir unha rectificación e, finalmente, o ministro de Sanidade, Salvador Illa, anunciou nunha conferencia de prensa pasadas as 20:00 horas esa decisión de permitir os paseos dos nenos polas inmediacións dos seus domicilios acompañados por un adulto.

Segundo Iglesias, o ministro tamén llo trasladou a el mesmo na conversa que mantiveron tras esa reunión do equipo técnico encargado de regular esta cuestión, que tivo lugar, como estaba previsto, este martes pola tarde. 

"Congratulámonos de que se adopten as recomendacións que veu expoñendo a nosa Dirección Xeral de Dereitos da Infancia e da Adolescencia. Desde o vindeiro domingo, os nenos e as nenas poderán realizar paseos acompañados por persoas adultas", aplaudiu nas redes.