CRTVG

Buscar

Pablo Casado rexeita a prorrogación do estado de alarma: "Non ten sentido"

Publicado o 04/05/2020 11:09

O líder do PP, Pablo Casado, considera que "non ten sentido" a partir desta semana prorrogar o estado de alarma, xa que, ao seu entender, a desescalada "xa non necesita" este instrumento "excepcional" que limita dereitos e liberdades.

Amais disto, esixiu ao xefe do Executivo, Pedro Sánchez, que desvincule o estado de alarma do pagamento da prestación dos ERTE e da liquidez a pemes e autonómos porque, ao seu xuízo, é unha "chantaxe" e "inmoral".

"Nos termos en que a coñecemos non podemos apoiar a prorrogación do estado de alarma", declarou Casado nunha entrevista en Onda Cero, onde insistiu en que se dispón de lexislación básica para afrontar a actual situación derivada da pandemia.

Casado afirmou que o estado de alarma foi necesario para evitar "o colapso" das UCI, pero engadiu que, unha vez que o propio Sánchez di que se pode saír a "tomar o vermú", hai que adaptar a normativa legal á situación.

Neste punto, reiterou que o estado de alarma prorrogado a partir desta semana "non ten ningún sentido" e subliñou que se o Goberno xa sostén que se está camiñando cara á "nova normalidade" non parece "lóxico utilizar este instrumento excepcional". "Esta unilateralidade para ser tan ineficaz e tan incompetente non pode buscar complicidade na oposición", avisou.