CRTVG

Buscar

Oza-Cesuras vive tres días de loito polo asasinato dunha veciña nun intento de roubo

Publicado o 16/01/2021 21:30

Axentes da Garda Civil e da Policía Científicia buscaron durante horas probas do crime na casa e na súa contorna, nesta parroquia de Porzomillos. Calquera pista pode ser determinante para reconstruír o sucedido na tardiña do venres.

Ao parecer, a vítima, unha muller de 33 anos, estaba soa na casa cando lle entrou pola ventá un home.
Segundo as testemuñas, no exterior esperaban polos menos outros dous homes nun coche, que fuxiron ao escoitar os berros no interior

Pablo González, alcalde de Oza-Cesuras: "Un roubo no cal encontrouse unha muller dentro da casa, neste caso a falecida. Intentou defenderse, pediu auxilio aos veciños... Desde o Concello quero agradecer a valentía dos veciños que acudiron, aínda que non chegaron a tempo si acudiron a esa chamada de auxilio, a valentía que demostraron".

Tamén foron os veciños tamén os que lle indicaron á Garda Civil por onde fuxira o presunto asasino, que foi detido pouco despois nunha leira próxima, na que se refuxiara ferido. O home foi transladado por unha ambulancia ao hospital da Coruña onde continúa ingresado.

O Concello de Oza-Cesuras decretou tres días de loito oficial e o luns celebrarán unha concentración silenciosa para condenar o crime. O corpo da muller, que deixa un fillo de dous anos, foi atopado no exterior da vivenda.

Noticias web

16/01/2021