CRTVG

Buscar

Os viticultores danlle a benvida á chuvia e prepáranse para a vendima

Publicado o 18/08/2020 15:00

Aínda que chegara a mediados de agosto, a chuvia destes días está a ser recibida polos viticultores como auga de maio. Despois dun verán tan seco e caloroso, axudará ao desenvolvemento final da da viña de cara á proxima vendima.

Como di Juan Manuel Casares, presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Protexida Ribeiro, "despois das circunstancias meteorolóxicas do último mes e medio a planta estaba sufrindo un proceso de estrés hídrico importante, o que significa que estaba tirando de reservas de auga, fundamentalmente do bagos, dos acios, e isto vai recompoñer o equilibrio natural da cepa".

Xulia Bande, colleiteira de Son de Arrieiro, unha pequena adega de Leiro, tamén notou os efectos desta chuvia nas tres hectáreas e media de viña que está a traballar, todas elas de variedades autóctonas: "Isto a cepa estábao desexando, a cepa estaba moi seca, cun estrés hídrico total e a uva era prácticamente o 90% pulpa, non había líquido. Isto vai facer que a colleita mellore moitísimo, en calidade e en cantidade".

Esta chuvia maina axudaron a hidratar a uva sen ocasionarlle dano, pero agora cómpre que pare de chover para que non comecen os problemas cos fungos, especialmente a botrite: "Si, ata o de agora estivo moi ben, pero debería parar nun par de días ou se non o que foi moi bo ata agora podería ser un problema a partir de agora, porque a botrite, a uva ao estar tan seca non incha coa rapidez que lle está caíndo a auga e chega un momento que a pel rompe e ao romper teriamos un problema de botrite importante", di Xulia Bande.

As previsións son de que estas precipitacións amainen para a semana, o que dará paso ás primeiras vendimas, xa que este ano, pola calor, o ciclo da viña adiantouse nas cinco denominacións de orixe galegas, tamén no Ribeiro, como nos di o seu presidente: "O tradicional no Ribeiro é que a vendima principie a metade do mes de setembro e sí, temos xa comunicacións, aínda que sexan de tipo verbal, ou a declaración de intencións dalgunhas adegas de principiar nos vindeiros días. Eu calculo que para a semana que vén algunhas adegas se van animar, sobre todo, naquelas variedades de maduración máis temperá".


 

Noticias web

18/08/2020