CRTVG

Buscar

Os vigueses prepáranse para a peonalización da zona da Porta do Sol

Publicado o 04/02/2020 14:34

A deste martes foi unha xornada de cambios para os condutores que querían circular polo epicentro de Vigo. Pasadas as once da mañá foise cortando o tráfico de forma paulatina nas rúas que unen o paseo de Alfonso con Policarpo Sanz. Primeiro colocando a pertinente sinalización e despois xa de forma efectiva.

Detrás destes cambios para os condutores están as obras de construción dun túnel na Porta do Sol para peonalizar toda esta zona. Dende hoxe e ata marzo só poderán pasar por aquí autobuses, residentes e taxis ocupados. Despois o corte será total e as obras durarán polo menos dous anos.

Algúns comerciantes queixábanse esta mañá de falta de información. Os hostaleiros, que tamén se senten prexudicados, resígnanse pensando nos resultados tras a fin das obras.

Por esta Porta do Sol pasan a diario máis de 8.000 vehículos. Para a asociación viguesa que defende o patrimonio histórico, estes peches e a reorganización do tráfico só demostran a inutilidade do túnel e o seu custo.

A estes novos cortes hai que sumar tamén os da Gran Vía de Vigo para a instalación de ramplas mecánicas que obrigan tamén aquí a reorganizar o tráfico nesta zona.

Noticias web

04/02/2020