CRTVG

Buscar

Os viaxeiros aloxados nos hoteis galegos crecen un 8,22% en xaneiro

Publicado o 24/02/2020 10:44
Os viaxeiros aloxados nos hoteis galegos crecen un 8,22% en xaneiro

Os hoteis galegos rexistraron no pasado mes de xaneiro 179.479 viaxeiros, 13.641 máis que hai un ano, o que supón un 8,22 por cento máis que no primeiro mes de 2019. Así o reflicten os datos publicados este luns polo Instituto Nacional de Estatística (INE), segundo os cales Pontevedra foi a provincia que rexistrou un maior número de viaxeiros, 56.420; seguida da Coruña, con 83.706; Lugo, con 19.864, e Ourense, onde se aloxaron 19.490 viaxeiros.

Dos 179.479 viaxeiros aloxados nos hoteis galegos, a maior parte -150.076- eran de orixe nacional, mentres que 29.403 eran estranxeiros. Dos viaxeiros españois, máis da metade corresponden a Galicia, seguida doutras comunidades como Madrid, Castela e León, Asturias, Cataluña ou Andalucía, como as máis habituais. No capítulo de pernoctacións, os hoteis galegos rexistraron en xaneiro 276.788, case 28.000 máis que hai un ano, o que supón un crecemento do 9 por cento.

Os hoteis da comunidade tiveron durante o primeiro mes do ano unha ocupación media do 46,14 por cento das súas prazas e do 51,22 por cento das súas prazas en fin de semana. A estancia media mantívose practicamente estable, en 1,88 días. Os ingresos por habitación ocupada ascenderon un 0,82 por cento en termos interanuais, ata os 50,18 euros, mentres que os ingresos por cuarto dispoñible creceron máis dun 5 por cento, ata os 13,70 euros.