CRTVG

Buscar

Os vehículos que non cumpren as condicións para circular poden quedar inmobilizados

Publicado o 21/01/2020 13:41

Durante toda esta semana e ata o domingo os axentes da Garda Civil de Tráfico levan a cabo unha nova campaña de supervisión de vehículos.

Manuel Meléndez, tenente xefe do destacamento de Tráfico de Santiago: "É unha campaña específica de control de condicións técnicas dos vehículos. O que facemos é supervisar o estado dos pneumáticos, que a ITV estea en vigor e as condicións xerais dos vehículos". 

Esta mañá, en Santiago, fixábanse sobre todo nas rodas e nos adhesivos das ITV. Introducindo os datos da matrícula nunha tableta, teñen acceso ao historial do coche para saber se cumpre coa normativa. É o segundo día de campaña e xa detectaron algún vehículo coas rodas lisas. Cada pneumático en mal estado supón 200 euros de multa. E a posibilidade de que o coche quede inmobilizado. 

Manuel Meléndez, tenente xefe do destacamento de Tráfico de Santiago: "Sobre todo os pneumáticos, nesta época do ano é moi importante que conserven unha profundidade mínima de 1,6 milímetros xa que son os 'zapatos' do coche. Se non ten agarre, as distancias de freada alónganse moito e quedan moi diminuídas as condicións de adherencia ao firme".

Na campaña anterior, no mes de novembro, inspeccionáronse uns dez mil vehículos e tramitáronse case duascentas denuncias, das que máis da metade foron por irregularidades na ITV.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

21/01/2020