Os veciños do barrio lugués das Gándaras evitan a ocupación dunha vivenda
Os movementos raros de persoas descoñecidas nas inmediacións desta vivenda alertaron os veciños da zona e o seu aviso aos propietarios foi clave.
"Dei a volta e vin que eran persoas estrañas, que non eran de por aquí, e chamei o propietario", relata José Luis Méndez, un dos veciños que deu a voz de alarma.
"Vaia susto. Foi todo grazas aos veciños, que estaban atentos e nos avisaron moi rápido. Viñemos, vimos que había movemento e danos e chamamos a policía inmediatamente", relata Chelo López, propietaria da vivenda.
Os donos pecharon de novo a vivenda con cadeados, pero ao día seguinte volveron a romperllos e os inesperados inquilinos xa deixaran dentro candeas e mesmo utensilios de limpeza. Todo indicaba que estaban a piques de instalarse.
"Dixéronnos que a ocupación ía ser inminente e que quedáramos aquí sen movernos para que non volveran", relata Chelo López, propietaria da vivenda.
A recomendación foi tapiar a vivenda e mesmo soldaron o enreixado das fiestras. Entre tanto, a policía patrullou pola zona e os veciños e os propietarios montaron garda para evitar a ocupación.
"Dixeron que o máis efectivo era tapiar, e para que non entrasen mentres non se facía montouse unha garda cos propietarios e os veciños", relata José Luis Méndez, un dos veciños que deu a voz de alarma.
"Grazas á colaboración cidadá, que é o mellor aliado da policía, e tamén co apoio das nosas patrullas a diferentes horas do día", di Manuel Arias, voceiro da Policía Nacional en Lugo.
Danos nas casas lindeiras reflicten que os ocupantes ilegais tamén tentaron acceder a elas. Desta volta evitaron a ocupación, pero neste barrio das Gándaras chegou a haber máis de media ducia de casas ocupadas ao mesmo tempo.