CRTVG

Buscar

Os veciños de Vilar de Sarria reclaman o arranxo das estradas, ateigadas de fochancas

Publicado o 14/01/2019 14:37

O mal estado das pistas provoca a indignación dos veciños dunha parroquia de Sarria. Denuncian que as vías están ateigadas de fochancas, o que lles está a causar danos nos seus vehículos. Segundo sinalan, tapar os buratos non vale de nada, xa que axiña se volven formar fochas. Reclaman, por tanto, unha reparación integral das estradas afectadas.

Atravesar en coche Vilar de Sarria supón ter que sortear unha sucesión de fochancas unha estrada tras doutra. Así o denuncian os veciños desta parroquia sarriá, que sinalan que o mal estado das pistas lles está a pasar factura nos seus propios vehículos, tanto na suspensión coma nas rodas.

"Non dás esquivado as fochas. Aínda acabo de vir dunha curva e moi mal. As rodas estráganse todas. Está feito un desastre".

"Temos que pasar moi amodo porque se non os amortecedores desfanse todos. As lamias do coches téñoas estragadas porque te descoidas, colles unha fochanca, que as hai moi fondas, e desfanse as lamias das rodas. Por aquí é case mellor vir andando que levar o coche".

"O fundamental é este tramo por aquí, que é o que está máis mal. Pero despois aínda hai outras pistas por aquí abaixo que teñen unhas fochancas polas que só pasan os tractores".

"Eu teño unha explotación gandeira e teño problemas para que pase o camión do leite ou o do penso".

"Aquí hai unha fábrica de mobles, algún taller, explotacións agrícolas, unha casa de alugueiro turístico que visitan estranxeiros, que quedan sorprendidos co estado en que está".

Os veciños de Vilar de Sarria aseguran que xa se queixaron en repetidas ocasións, pero din que o único que conseguiron foi que se tapasen os buratos para se volvesen abrir ao cabo de pouco tempo. Reclaman, polo tanto, que as pistas en mal estado sexan pavimentadas de xeito integral.

"O que están facendo son parches. Ao pasaren os camións, con iso non se arranxa nada. Os camións estrágano todo".

"Tapan as fochas pero case quedan peor. Quedan máis vultos e cada vez é peor. Se non colles unha focha, colles un vulto. Ou para abaixo ou para arriba, sempre vas a botes no coche. É mellor ir andando. Nin en bicicleta se dá pasado".

"Nós non pedimos que isto sexa unha autovía, senón que se faga unha reparación e que o firme se poña nun estado normal de circulación".

Con máis de 300 vivendas, Vilar de Sarria é unha das parroquias máis poboadas do concello sarriao.


 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

14/01/2019