CRTVG

Buscar

Os usuarios protestan pola supresión do portelo nas estacións do Barco e da Rúa

Publicado o 30/09/2020 14:25

Hoxe é o último día que os usuarios desta estación de tren do Barco de Valdeorras e da veciña da Rúa poden mercar os billetes na ventaíña. A partir de mañá terán que facelo nunha máquina autovenda.

Desde Renfe sinalan que a medida se adopta por falta de demanda, que xa está aplicando noutras 140 estacións de toda España, pero os usuarios non recibiron ben a medida. Quéixanse dunha mingua de servizos ferroviarios, primeiro coa supresión de liñas e agora coa imposibilidade de mercar os billetes cara a cara, cun interlocutor.

Todos estes pasaxeiros están agardando o Alvia que cobre o traxecto ata Barcelona. O único que para na estación do Barco de Valdeorras polas mañás. Algúns acaban de saber que, a próxima vez, xa non haberá ninguén a quen mercarlle o billete. Terán que facelo na máquina.

"O derradeiro día? É dicir, que xa non hai volta atrás...", comenta unha pasaxeira.

"Pois non me parece ben, porque están anulando un servizo público", engade outra.

"Para min, é mellor que alguén atenda na taquilla, porque podes ter unha información, preguntar..."

"Aínda que eu me manexo ben coa informática porque me ensina meu fillo, teño moitos familiares que non se defenden".

Renfe non lle renova o contrato á empresa que presta o servizo. Fano, din, pola caída da demanda: menos de 20 usuarios ao día tanto no Barco coma na Rúa, cando en 2019 había 60 usuarios diarios no Barco e algo máis de 30 na Rúa.

"Eu prefiro sempre a atención persoal, incluso nos bancos, cara a cara". "Para a xente maior de aquí será sempre un impedimento, a menos que haxa alguén aquí para axudar". "Eu, se tivese que sacar o billete ás présas, aínda non entendo a máquina", comentan varios usuarios.

Desde Renfe sinalan que hai 140 estacións na mesma situación en toda España, pero o argumento non convence os veciños de Valdeorras, unha comarca con máis de 25.000 habitantes, que xa están organizando unha marcha de protesta para o próximo domingo.

Noticias web

30/09/2020