CRTVG

Buscar

Os universitarios galegos volven ás aulas

Publicado o 21/09/2020 10:40

Para os universitarios este será tamén un curso atípico e cheo de incertezas. As autoridades educativas esperan poder desenvolver a actividade lectiva mantendo unha docencia de calidade e de xeito seguro, e para iso farán un seguimento da situación mediante probas PCR.

"Durante todo curso faremos 200 probas semanais, que serían inicialmente aleatorias, e se aparece, que vai aparecer seguro, algunha persoa contaxiada temos preparadas todas as aulas cun código QR para identificar onde senta cada alumno e cada profesor en cada unha das horas en que hai docencia. Así poderanse tomar medidas rápidas", di Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo.

Nas universidades galegas esperan unha presenza o máis alta posible, pero aseguran que están preparadas por se en calquera momento hai que pasar da "docencia normal adaptada" á docencia en liña, e din que poden facelo de xeito inmediato.

"Hai titulacións, mesmo algunhas que teñen moitísimos alumnos, en que todo vai ser presencial; outras van facer uso do Campus Integra, que permite simultaneamente alumnos na clase e alumnos na casa ou noutro espazo. Isto permitirá que as aulas poidan ir rotando. Tamén se puxo en marcha outra ferramenta, que é o Campus Remoto. A través dun sistema de videoconferencias temos copiados todos os espazos docentes, tanto aulas como despachos de profesores".

Destacan que todo isto supón un importante investimento económico e un grande esforzo por parte de todos.

Noticias web

21/09/2020