CRTVG

Buscar

Protestas na Coruña tras a ausencia de Maroto na mesa industrial para Alu Ibérica

Publicado o 11/06/2020 19:14

 O comité de Alu Ibérica na Coruña cualificou de "insulto" a mesa industrial celebrada este xoves para abordar o futuro desta planta e a de Avilés e que rematou sen ningunha "concreción" e sen a presenza das empresas implicadas, nin da ministra de Industria, Reyes Maroto, nin do secretario xeral de Industria, Raúl Blanco.  

A ausencia dalgún representante ao máis alto nivel foi criticada polo presidente do comité de empresa, Juan Carlos López Corbacho, ao termo dunha asemblea de traballadores no edificio de sindicatos e tras a cal levaron a cabo un corte de tráfico de aproximadamente media hora na avenida de Alfonso Molina, en sentido saída da cidade herculina.  

Isto provocou algunhas retencións de tráfico ata que puido desviarse por outras zonas. "Sen industria non hai futuro" foi unha das proclamas berradas durante o corte de tráfico, en que tamén procederon á queima de pneumáticos.

Corbacho admitiu o "cabreo" existente tras un encontro da mesa industrial que, ao seu xuízo, os deixa no "precipicio", dixo sobre a ausencia de "unha solución" para as plantas despois de que Parter as vendera ao Grupo Riesgo."

 "Ten que dimitir de inmediato se non toma medidas", expuxo Corbacho sobre a ministra. Unha dimisión que, ao seu xuízo, debería presentar por "vergoña", insistiu.


O conselleiro de Industria, que si que asistiu á xuntanza telemática, fala tamén de falta de compromiso por parte do Goberno central. Francisco Conde, conselleiro de Industria: "O ministerio demostra unha vez máis que a industria non está na súa axenda, Galicia non está na súa axenda, e hoxe 350 traballadores non teñen unha concreción de cal pode ser o seu futuro"

Alcoa vendeulle a planta da Coruña ao fondo suízo Parter Capital o ano pasado, nunha operación amparada polo Goberno. Durante o estado de alarma, o actual propietario anunciou que ía revender tanto esta fábrica coma a de Avilés ao grupo industrial Riesgo. Ante a falta de garantías de futuro, os traballadores din que seguirán loitando, e pedíndolle ao Ministerio de Industria que interveña.

Noticias web

11/06/2020