Os traballadores de Alcoa e a Xunta esixen o plan enerxético por escrito
Só queda un día para que Alcoa comece a despedir os máis de 500 traballadores de San Cibrao. O comité de empresa apura as últimas horas buscando solucións. Esíxenlle ao Goberno un compromiso por escrito para que a fábrica teña enerxía a prezo competitivo que non suba dos 35 euros o megavatio.
Alcoa segue co seu plan de despedimento colectivo e rexeita o plan industrial proposto polo Goberno. Un plan a dez anos para implantar xunto coa eléctrica o uso doutro tipo de enerxías como a fotovoltaica ou a eólica para abastecer a fábrica, o cal permitiría establecer un prezo da enerxía entre os 25 e os 35 euros o megavatio. Os traballadores ven viable este marco enerxético, pero queren saber como se desenvolvería e os prazos. Esixenlle ao Goberno o compromiso por escrito.
"Se tiveramos eses mecanismos por escrito por parte do Goberno, o seu compromiso e as datas de cumprimento do prezo de 25 a 35 euros, sería un dos motivos para tirar a abaixo o ERE", manifestou José Antonio Zan, presidente do comité de empresa de Alcoa San Cibrao.
Os traballadores manteñen o seu calendario de mobilizacións. Mañá volverán tomar as rúas. Manifestaranse diante a subdelagación do Goberno en Lugo.
A Xunta: "Os traballadores de Alcoa non teñen tempo"
A Xunta insta novamente o goberno central a que tome unha decisión en materia enerxética e dea luz verde ao estatuto das electrointensivas que permita paralizar o ERE que mañá presentará Alcoa. O conselleiro de Industria apela a que o goberno presente por escrito un compromiso que faga viable o futuro da factoría.
O Conselleiro Conde fixo estas declaracións tras manter unha videoconferencia coa vicepresidenta e ministra de Transición Enerxética, Teresa Ribera. Conde espuxo que a ministra non puxo data para as medidas que poderían dar un prezo eléctrico competitivo inmediato. Engade o conselleiro que Teresa Ribera non aclarou cando se poñerán en marcha as medidas para dinamizar o sector da automoción.