Alcoa defende que o ERE "trata de evitar" que afecte a todo o persoal da factoría
• Medio milleiro de traballadores temen polo seu futuro
• O avogado do Estado di que o peche sería "carísimo"
• Desde a Xunta censuran que, na práctica, non houbo período de consultas
Intensa sesión no xuízo polos despedimentos de Alcoa, logo de que fracasara, a primeira hora da mañá, o acto de conciliación previo.
Ao longo da xornada, ata que se suspendeu a sesión pouco antes das tres da tarde, interveu, en primeiro luga, o o avogado da multinacional do aluminio defendeu o ERE que presentou na planta de aluminio primario de San Cibrao por "causas produtivas, económicas e organizativas" para 524 traballadores "trata de evitar que o despedimento colectivo afecte a totalidade dos traballadores", pois completa o persoal case outro centenar, e "isto tería que ser unha boa noticia".
O complexo industrial de San Cibrao está formado por dúas fábricas, a refinería de alumina, da que Alcoa non se quere desprender e sobre a que prevé unha reversión no futuro, e a planta de aluminio primario, e entre as dúas suman un persoal de traballadores superior aos 1.100 empregados.
O letrado anunciou que Alcoa non descarta pedir a nulidade das actuacións do xuízo polo despedimento colectivo que se segue esta mañá no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia por vulneración da lei, xa que é público e ademais está a ser retransmitido en directo en liña.
O avogado considerou que o despedimento colectivo que afectaría medio milleiro de traballadores "é axustado a dereito" e tamén pediu que se alcen as medidas cautelares acordadas en relación á prohibición de apagar as cubas de electrólise da fábrica de aluminio primario.
Durante máis de tres horas, argumentou que este despedimento colectivo opera conforme á normativa laboral e só por expolo "a alegación de mala fe e nulidade é recorrente" por parte da representación social, é un " comodín que se utiliza de forma continua, un mantra" por iniciar este proceso de despedimento.
Pechar sería "carísimo"
Pola súa banda, o avogado do Ministerio de Industria explicou que pechar a planta "é carísimo", por iso a propia empresa asegurou que "non se pecha", e ademais "non é a mellor solución".
"Pechar unha planta de aluminio é caro e non é a mellor solución, só cando está amortizada, e San Cibrao é produtiva, non ten sentido pechala", sostivo o avogado do Estado que interveu en representación do Ministerio de Industria en referencia a algunhas das alegacións e manifestacións expostas neste xuízo.
Segundo indicou durante a súa alegación, os custos ambientais de pechar a planta serían "tan elevados que afectarían o seu negocio", pois o peche implica o desmantelamento da planta de aluminio e a limpeza de solos baixo a mesma, ao que se engade en San Cibrao a separación desta planta da refinería.
Con todo, engadiu que ao tratarse dun grupo mundial, Alcoa "pode xogar cos custos", polo que se preguntou se se compararon por traballador en relación á planta de Islandia, por exemplo, ou se se tivo en conta o feito de estar a planta lucense á beira da de alúmina.
Pola súa banda, o letrado da Xunta lembrou, en contra do que di Alcoa sobre as causas de nulidade do despedimento, que non houbo período de consultas, "ou o que se practicou con esa aparencia non o foi", para evitar os despedimentos, minorar as súas consecuencias ou buscar alternativas, nin se entregou á representación dos traballadores a documentación precisa.
Os traballadores, optimistas
Minutos antes do comezo, ás portas do TSXG, os traballadores amosaban a súa confianza na Xustiza. "Non temos medo ningún de ir a xuízo", dixo o presidente do comité de empresa, José Antonio Zan.
Con todo, os traballadores denuncian que "non ten sentido seguir torturando os traballadores e toda a Mariña" por unha "desgraza de empresa" que leva, denunciou, "sete meses tentando dinamitar psicoloxicamente" tanto o cadro de persoal como a toda a poboación da comarca.
Os traballadores confían en saír airosos e poder manter os seus postos de traballo porque "non ten sentido o que di a empresa" respecto da rendibilidade da industria: "O prezo de alumnio está en máximos históricos e o da electricidade en mínimos". Por iso instan o Goberno a que actúe e cumpra os acordos aprobados tanto no Congreso dos Deputados como no Parlamento de Galicia.
"Unha forma de desbloquear sería mellorar a última proposta", dixo José Antonio Zan, e que a SEPI levase a cabo unha adquisición temporal ata que a empresa pase a mans dun novo comprador.
Centos de traballadores concéntranse ás portas de Alcoa con barricadas
Centos de traballadores de Alcoa concentráronse na entrada principal da fábrica de San Cibrao para seguir, a través dunha pantalla e coa axuda de altofalantes, o desenvolvemento do xuízo que se está celebrando pola demanda contra o proceso de despedimento colectivo no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG).
Despois de que se confirmase que o xuízo ía celebrarse, ao non haber acordo entre a empresa e o comité no acto de conciliación previo ao comezo da vista oral, os traballadores cortaron o acceso principal á fábrica con barricadas de rodas, ás que logo lles prenderon lume.
No exterior da fábrica de Alcoa-San Cibrao mentres na Coruña se desenvolve o xuízo de impugnidade do ERE. pic.twitter.com/o7v5KCD7Ne
— Galicia por Diante (@GxDRadioGalega) December 3, 2020
Tamén queimaron os carteis de Alcoa situados na mesma entrada ao complexo industrial, preto do campamento montado polo comité para controlar os accesos e saídas da fábrica desde que comezou a folga indefinida, no mes de outubro.
De novo volveron escoitarse consignas a favor dunha intervención pública da fábrica e en contra da multinacional americana.