CRTVG

Buscar

Os traballadores afectados por un ERTE ascenden a 228.450 en Galicia

Publicado o 27/04/2020 18:47

A Xunta ratifica que os afectados por ERTE pendentes do Goberno para cobrar as súas prestacións poden solicitar xa un anticipo á Xunta.

O Executivo autonómico informou este luns de que un total de 228.450 traballadores galegos están afectados polos 35.276 ERTE solicitados na comunidade no marco da crise sanitaria do coronavirus.   

Por provincias:

· Pontevedra: conta co maior número de afectados (78.639) e computa 12.337 ERTE.

· A Coruña: 64.351 traballadores afectados por 13.653 ERTE.   

· Ourense: 17.645 traballadores afectados por 4.190 ERTE.

· Lugo: 15.083 traballadores ligados a 4.079 ERTE.   

A nivel autonómico son 20.335 afectados nun total de 1.017 expedientes a raíz do coronavirus.

Tamén hai 32.397 traballadores en ERTE de empresas a nivel estatal que teñen repercusión en Galicia.   

A Xunta reivindica que pon "todos os medios ao seu alcance" e que está a resolver "en prazo" todos os expedientes. De feito, informou de que, actualmente, xa resolveu o 93% do total dos presentados.

Por outra banda, a Xunta informou de que os traballadores afectados por expedientes de regulación temporal de emprego, que aínda non cobraran as prestacións por desemprego do Goberno central, poden solicitar xa á Xunta os anticipo das mesmas.   

O 'Diario Oficial de Galicia' (DOG) publica a orde destas axudas, que permitirán recibir de forma inmediata 1.500 euros, cun tope mensual de 750 euros, mediante un convenio acordado coas entidades financeiras. Os adiantos estarán libres de xuros e comisións.