CRTVG

Buscar

Os sindicatos denuncian a Medio Rural por vulnerar o dereito á folga do persoal técnico de incendios

Publicado o 04/09/2020 18:07
Os sindicatos denuncian a Medio Rural por vulnerar o dereito á folga do persoal técnico de incendios

Os sindicatos CIG, CCOO, CSIF e UXT presentaron unha denuncia ante Inspección de Traballo contra a Consellería do Medio Rural por supostas vulneracións do dereito á folga do persoal técnico dos servizos contra incendios. Este persoal permanece de folga indefinida desde o pasado 1 de agosto para reclamar "melloras organizativas, técnicas e humanas", así como un novo acordo de condicións de traballo, segundo detallan as organizacións denunciantes, que acusan o departamento autonómico de "reprimir e boicotear brutalmente" os paros.

Afirman que a consellería que dirixe en funcións José González decretou uns servizos mínimos "abusivos, superando o 90% do cadro persoal". Ademais, aseguran que Medio Rural vai contra o persoal "que apoia a folga" a pesar de non poder secundala por estar en servizos mínimos a través de descontos da súa nómina de "cantidades importantes" e "mesmo se lles convida a abandonar o apoio e xustificar traballos para recuperar parte dos subtraído ilegalmente".

Neste sentido, tachan a actitude da consellería de "esquirolismo patronal" que, segundo sosteñen os sindicatos, "vai a máis" a pesar de ser denunciada publicamente a través dos medios de comunicación. "Esta situación esperpéntica constitúe unha grave agresión ao dereito fundamental das persoas traballadoras á folga polo que denunciamos e solicitamos que a autoridade laboral pare o acoso ao persoal, restitúa o dereito á folga e repare o dano económico e moral producido", engaden as centrais sindicais.