CRTVG

Buscar

O PP e Vox reúnense en Madrid para negociar o acordo en Andalucía

Publicado o 08/01/2019 08:08

"A última esperanza que ten hoxe Susana Díaz para seguir á fronte da Junta de Andalucía chámase Vox", di o secretario Xeral do PP, que redobra así a presión sobre o partido de Abascal para que facilite o cambio en Andalucía.

García Egea reúnese hoxe co seu homólogo de Vox, Javier Ortega Smith, e "sen máis liñas vermellas -di- que mellorar a vida dos andaluces". A semana pasada, Vox puxera como condición a supresión das axudas ás vítimas de violencia de xénero. E o PP pediu sacar do debate público un tema tan sensible.

Teodoro García Egea, secretario xeral do PP, afirma que "toda lei pode debaterse, pero non por Twitter, non nos estudios de televisión".

Non hai información concreta sobre os temas que van tratar, nin tampouco será publico en principio o lugar do encontro. O que xa é un feito é que Ciudadanos declina asistir. Din os laranxas que non teñen cabida nin interese nunha reunión con Vox e engaden que non admitirá que se mova o acordo asinado xa na mesa negociadora. Segundo ese pacto, os populares xestionarían, ademais, Facenda, Sanidade, Agricultura, Administracións Públicas. E Ciudadanos asumiría as competencias de Economía, Emprego, Educación, Igualdade e Rexeneración Democrática.

 

Noticias web

08/01/2019