CRTVG

Buscar

Os salóns de peiteado preparan a reapertura a partir do luns

Publicado o 01/05/2020 14:36

Os salóns de peiteado están entre os establecementos que poden reabrir a partir do luns, día 4, sempre e cando non sexa un local situado en centro ou parque comercial. No sector non contaban con que fora tan pronto.

"Contabamos co 11 de maio, finais de mes a primeiros de xuño. A verdade é que o 4 nos colleu algo de sorpresa a todos".

O requisito da cita previa non é novo para boa parte destes negocios. Agora terán que facer servizo individualizado e engadir medidas de seguridade e hixiene ás que xa aplicaban. Pero non teñen claro cales.

"O salón poderá agregar outra máscara, luvas desbotables, patucos para entrar. Fálase de moitas cousas. Estabamos agardando un protocolo de actuación dalgún estamento oficial, pero non chegou".

Ante as novas esixencias para a actividade, di Asunción Catoira que o material desbotable escasea e o seu prezo se multiplicou por tres. Iso supón outro atranco para a supervivencia de moitos salóns.

"Cóntase cun 44,4 por cento de peche de salóns e un 16,8 por cento de despedimentos. Esperamos que isto sexa equivocado e poidamos seguir cos negocios abertos".

De momento, a inmensa maioría poden retomar a actividade o luns. Será despois de sete semanas de peche pola pandemia, e fano co pedimento de que lles baixen o IVE do 21 ao 8 por cento.
 

Noticias web

01/05/2020