CRTVG

Buscar

A Xunta conta con que os orzamentos estean aprobados a finais de xaneiro

Publicado o 23/11/2020 15:31

• Valeriano Martínez destaca o gasto social dos orzamentos

O conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, asegurou que a Xunta traballa coa hipótese de que os orzamentos para 2021 poidan quedar aprobados no Parlamento a última semana do mes de xaneiro.

Na conferencia de prensa no Parlamento galego, tras entregar o proxecto de contas públicas para 2021 ao presidente da Cámara, Miguel Santalices, destacou o "tempo marca" en que foron elaborados estes orzamentos, os "máis elevados da historia", tras iniciarse con atraso sobre outros anos.

A Xunta destaca o gasto social e os beneficios fiscais de 472 millóns

Estas contas por 11.563 millóns de euros, un 14 por cento máis (13,93 %) ca o ano anterior, contemplan beneficios fiscais por uns 472 millóns de euros, explicou destacou o conselleiro, que resaltou que terán 115.000 novos beneficiarios e centraranse sobre todo no ámbito social e educativo. Valeriano Martínez asegurou catro de cada cinco euros irán destinados a sanidade, educación, política social, emprego e reactivación económica.

Na conferencia de prensa no Parlamento galego resaltou que estes orzamentos contemplan un investimento tamén "excepcional" de 2.592 millóns de euros, e un "gasto social", segundo o conselleiro, de 8.540 millóns de euros, 864 máis que este ano.

Polo que respecta ao gasto territorializado, o maior investimento por habitante producirase nas provincias do interior, empezando por Lugo, con 4.704 euros por habitante; Ourense, con 4.461 euros per cápita; e A Coruña e Pontevedra, con 3.633 euros e 3.493 euros, respectivamente.

Os orzamentos inclúen unha redución do 6,4 por cento no Fondo de Cooperación Local, ata os 127 millóns de euros, pero Martínez asegurou que esta caída compensarase coas transferencias das distinta consellerías, co que os entes locais recibirán "catro ou cinco millóns máis, como mínimo" que neste exercicio.

A oposición lamenta uns orzamentos "sen consenso" no medio da pandemia

Para a oposición, estas son unhas contas que non atenden ás necesidades xurdidas pola crise da covid-19 e que nacen "sen consenso aínda no medio dunha pandemia".

Para o o BNG e o PSdeG son insuficientes para "reverter" as políticas de recorte da Xunta de Galicia que dificultan unha saída á crise.

Con todo, os portavoces aprobaron o calendario de tramitación do proxecto de Lei de Orzamentos para o próximo ano que, un exercicio máis estará acompañado da Lei de Medidas Administrativas e Fiscais.

Tras esta reunión para fixar o calendario, a portavoz do BNG e líder da oposición no Parlamento, Ana Pontón, tachou de "preocupante" que as contas autonómicas poñan de relevo que a Xunta "non está a facer ningún esforzo extraordinario para contar con máis recursos para levantar o país e saír da crise".

Para a dirixente nacionalista nos orzamentos do próximo ano falta "volume de investimento" e un proxecto estratéxico de país a pesar de que no medio dunha crise económica e social faise máis importante que nunca "gastar ben cada euro".

Tamén criticou que a Xunta destine unha menor porcentaxe do seu orzamento aos servizos públicos como a sanidade que, segundo os seus cálculos, pasa de representar un 33,8% a un 33,3% e de educación que descende dun 20,3% a un 20% do total co que continuarán cun "infrafinanciamiento crónico".

Pola súa banda, o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, pediu ao Goberno galego unha "rectificación" na súa política orzamentaria para camiñar cara a un modelo "progresivo e progresista" que verdadeiramente permita "impulsar a actividade económica neste país".

Caballero lamentou que a Xunta non vaia a facer uso de "todas as capacidades do autogoberno para protexer as persoas" a pesar de contar cun maior financiamento por parte doutras administracións como a Unión Europea.

Este proceder demostra para o líder de socialista unha "falta de rumbo político" por parte do Executivo autonómico, que espera que se reconduza durante o trámite parlamentario para mellorar unhas contas que, a pesar de que desde a Xunta tentaron camuflar con "papel de celofán", en realidade esconden "moitas dúbidas".

Neste sentido, asegurou que a súa formación tende a man para "rectificar todas as políticas de recorte e austericidio que aplicou Feijóo" nos últimos anos.

Con todo, o portavoz do grupo parlamentario popular, Pedro Puy, dixo estar "moi sorprendido" coas críticas ao maior orzamento da historia da comunidade e que se fixo en base a unha previsión realista e coherente.

"Quero destacar tamén que estes orzamentos están cunha previsión macroeconómica moi sólida a diferenza do que ocorre cos orzamentos de España", remarcou Puy.

En canto ao calendario fixado para a tramitación dos orzamentos, segue a estrutura habitual que marcará a actividade parlamentaria das próximas semanas coas comparecencias ante a Comisión terceira, dos responsables dos distintos departametos do Goberno galego.

As comparecencias iniciaranse coa intervención do conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, o vindeiro xoves día 26 e finalizarán o 4 de decembro.

O obxectivo é que o 21 de decembro se debatan en pleno as emendas de totalidade, no caso de que as houbese, a fin de que as contas estean en disposición de ser aprobadas no primeiro pleno do ano, que se prevé para o 26 de xaneiro.

Noticias web

23/11/2020