CRTVG

Buscar

Os países da UE poderán restrinxir a mobilidade nas fronteiras internas e externas pola covid−19

Publicado o 21/01/2021 23:28
Os países da UE poderán restrinxir a mobilidade nas fronteiras internas e externas pola covid−19

Os países da Unión Europea acordaron este xoves que os Estados membros poidan restrinxir puntualmente a mobilidade nas fronteiras internas e externas da UE se a situación sanitaria o require, pero comprometéronse a manter aberto o espazo Schengen de libre circulación. "Estamos totalmente convencidos que temos que manter as fronteiras abertas para conservar o bo funcionamento do mercado interior" pero "pódense considerar restricións nos desprazamentos non esenciais", declarou o presidente do Consello Europeo Charles Michel ao remate dunha teleconferencia de líderes dos países da UE.

A presidenta da Comisión Europea Ursula von der Leyen sinalou que "para manter as fronteiras exteriores e interiores abertas, necesitamos medidas específicas que nos manteñan a todos a salvo", e por iso se decidiu "introducir unha nova categoría, vermello escuro, onde o virus circula a un gran nivel" dentro da UE.

Aos cidadáns que viaxen desde esas zonas poderáselles esixir unha proba de diagnóstico negativa antes de saír e unha corentena ao chegaren ao país de destino. Ademais, "todas as viaxes non esenciais deben de ser desincentivadas enerxicamente". "Isto é dentro da Unión Europea", agregou Von der Leyen, que describiu uns protocolos similares aos que xa aplica desde o inicio do Nadal Bélxica, país que estuda prohibir as "viaxes turísticas" e un dos Estados membros que máis presionara por poder limitar a mobilidade na UE.

Estas restricións, con todo, non deberían afectar os traballadores transfronteirizos, aínda que esa e outras medidas específicas, coma que a eses viaxeiros que atravesan diariamente unha fronteira para traballar se lles debe esixir un test, son aspectos que se debaterán "nos próximos días" e que deberán tratar os países concernidos.

En calquera caso, a presidenta da Comisión subliñou que é "absolutamente crucial" manter o mercado interno aberto e evitar un peche xeneralizado da zona Schengen de libre mobilidade, como ocorreu por primeira vez na historia a pasada primavera durante a primeira vaga de coronavirus. A decisión dos Vinte e sete, á calor da repunta de contaxios na UE ante a propagación das mutacións do virus, máis contaxiosas, vén apoiada polo Centro Europeo de Prevención e Control de Enfermidades (ECDC).

Coincidindo co inicio da reunión, esa axencia da UE publicou un informe en que chama a tomar medidas "máis estritas" e restrinxir viaxes non esenciais ante a maior capacidade de contaxio das novas cepas do coronavirus identificadas no Reino Unido, Suráfrica, O Brasil e Xapón. Canto ás fronteiras exteriores da UE, a Comisión Europea propuxo "medidas adicionais", como que se poida esixir tamén unha proba de diagnóstico negativa a quen ingrese no espazo comunitario en "viaxe esencial". 

Noticias web

21/01/2021