CRTVG

Buscar

Os pais en Meis néganse a que os seus fillos vaian á clase tras confirmarse un positivo

Publicado o 10/09/2020 19:39

Educación limita nun 12% o seguimento na folga do profesarado e confirma que oito centros atrasaron o inicio do curso por obras

Catro sindicatos convocaron para este xoves unha folga nos colexios de infantil e primaria. E o vindeiro 16 farán paro en secundaria, FP, e ensino de réxime especial. Reclaman un protocolo consensuado cos traballadores que contemple máis medidas de seguridade. Queren que se contraten máis mestres para ter menos alumnos por aula e que os nenos poidan gardar a distancia de seguridade de metro e medio. A Xunta estableceu uns servizos mínimos de un profesor por aula e todos os traballadores da limpeza. A proposta foi criticada polos sindicatos pero apoiada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade defendeu a "normalidade" da xornada de inicio de curso deste xoves e limitou ao 12,16 por cento a participación dos docentes na folga convocada polos sindicatos CIG, CC.OO., CSIF e STEG.   Neste sentido, apelou á "responsabilidade" da "gran maioría" que acudiu ao seu posto de traballo para "dárlle normalidade" ao arranque da actividade lectiva, na que se cumpriron os servizos mínimos "sen incidencias" e nunhas circunstancias excepcionais debido á COVID-19.  

O departamento dirixido por Román Rodríguez sinala que só oito centros tiveron que aprazar o inicio de curso debido ás obras que se están realizando nestas instalacións educativas.   Na provincia da Coruña, foron o CEIP Plurilingüe de Palmeira (Ribeira), en Lugo a CEE Infanta Elena de Monforte de lemos e en Ourense a CEE Miño, que arrincarán o 14 de setembro.   Pola súa banda, en Pontevedra, atrasouse ata o 16 de setembro o inicio do curso no CEIP Plurilingüe de Baño-Xanza (Valga), Carballal (Marín), a CEE de Pontevedra, CPI A Cañiza, e no CEIP Xulio Camba de Vilanova de Arousa.    

Galicia vive este xoves o arranque do curso máis problemático en anos. O impacto da COVID-19 e da adaptación dos centros para poder iniciar a actividade xerou moitas dúbidas e incertezas entre familias, docentes e equipos directivos, ademais dunha serie de incidencias en determinadas escolas que tiveron que aprazar o regreso ás aulas ben por falta de espazos, por obras e condicións inadecuadas ou pola imposibilidade de ter todo a punto para o calendario establecido pola Xunta.  

Dous alumnos en Meis

O caso máis preocupante deuse no CPI Mosteiro-Meis. Un positivo no centro deixou en corentena a todo o equipo directivo, á orientadora, ao conserxe e a parte do profesorado, e aínda están a esperar os resultados das probas PCR.   A pesar diso, a Xefatura Territorial de Educación insistiu en que a escola iniciase o curso con normalidade, cunha directiva suplente, e o propio centro censurou a decisión da Consellería de manter o calendario previsto ante a imposibilidade de abrir nas condicións adecuadas e sen servizo de comedor, que aínda non está adaptado.  

Segundo trasladaron desde a ANPA, unha empresa de limpeza acudiu ao centro a realizar as tarefas extra de desinfección, aínda que aínda se descoñecen os resultados das probas aos profesores que seguen en corentena. Unicamente dous nenos acudiron ao centro no primeiro día de clase e os pais transmitiron que tampouco enviaránaos seus fillos este venres, polo menos ata que se garantan "as condicións de seguridade".  

Dimite a dirección do colexio de Xove

Outro dos casos de maior incidencia foi o CEIP Pedro Caselles Rollán de Xove. O centro está en obras para mellora de eficiencia enerxética, reforma da cachada e a cuberta, que unicamente finalizaron no interior do inmoble.   O centro solicitou o pasado 5 de setembro atrasar o inicio do curso para garantir a seguridade, e onte recibiron a confirmación de que este xoves se celebrará unha presentación graduada e por grupos "baixo a responsabilidade do equipo directivo" para arrincar a actividade o seguinte luns.  

Segundo trasladan desde a ANPA, "numerosas chamadas e mensaxes" de familias están a transmitir a súa "inseguridade" por esta situación, posto que as aulas aínda non están preparadas e as obras pendentes no exterior dificultan a ventilación do centro. A dirección do mesmo confirmou este xoves a súa decisión de dimitir.

 No CEIP de Palmeira, en Ribeira, o inicio do curso atrasouse até o 14 de setembro, un adiamento que a ANPA do mesmo considera "insuficiente" para "terminar as obras e garantir a seguridade da volta ás aulas".   Doutra banda, os pais da aula do CRA de Caldelas decidiron que non levarán os seus fillos á aula de Baños polas deficiencias das instalacións. En concreto, denuncian que un informe técnico do Concello de Tui "certifica" que "non son aptas para desenvolver a actividade escolar infantil".  

Ata o momento non se realizou un só arranxo, a pesar de acordar co Xefe Territorial de Educación que levarían a cabo obras de mellora na aula.   Por iso, "nun exercicio de responsabilidade e incerteza pola seguridade e saúde dos seus fillos", as familias "non levarán os mesmos ao colexio ata que na aula sexan corrixidas as deficiencias descritas no informe".

Atraso en Santiago

 A problemática de adaptación á normativa levou a directores de institutos de Santiago a atrasar o inicio do curso a partir de secundaria, ao considerar "imposible" organizar os horarios e asignar espazos para cumprir coas instrucións publicadas pola Xunta de Galicia.   O oito asinaron un escrito no que indican que este atraso podería estenderse ata o 23,24 ou 25 de setembro, ao considerar que necesitan un mínimo de sete días lectivos para poder sacar adiante esta adaptación e se coñezan as vacantes e modificacións horarias.  Os institutos son o IES Antón Fraguas, o IES Eduardo Pondal, as Lamas de Abade, A Pontepedriña, Rosalía de Castro, Sar, Xelmírez I e Xelmírez II.   

 Posteriormente, outros 18 institutos de ensino secundario e formación profesional de Pontevedra subscribiron a iniciativa dos seus homólogos na capital galega, cun texto dirixido á Xefatura Territorial desta provincia, ao non ter coñecemento da cota de profesores nin recursos humanos dispoñibles para poder realizar a organización de grupos.   En concreto, foron o CIFP Carlos Oroza, EPAPU Río Lérez, IES Frei Martín Sarmiento, o Luís Seoane, de Meaño, Montecelo, Monte da Vila, Sánchez Cantón, Torrente Ballester, Valle Inclán, Xunqueira I, Xunqueira II, Pontecaldelas, Poio, Chan do Monte, Basella, Vilalonga e Faro das Lúas.

Noticias web

10/09/2020