CRTVG

Buscar

Os pais do neno asasinado pola súa nai en Almería mantiñan unha disputa pola custodia

Publicado o 11/10/2019 14:53

En Almería, choran a perda do pequeno Sergio de 7 anos, asasinado, presuntamente, por súa nai. Esta mañá os veciños de El Ejido gardaban un minuto de silencio. En Alcolea, vila natal dos pais do menor, decretaban tres días de loito oficial.

Antonio Ocaña é o alcalde de Alcolea (Almería): "Está toda a vila aquí ou parte porque foi esporádico, está todo o mundo consternado e estamos nunha nube que non nos cremos aínda o sucedido".

Os proxenitores do neno mantiñan unha disputa pola custodia do pequeno, que de luns a venres estaba coa nai e a fin de semana co pai. Ao parecer a custodia estaba a ser revisada a favor do pai.

"Os nenos saben con quen están a gusto e con quen queren estar, e ese neno, pois, pola vida coa súa nai non quería estar e mira o que fixo", dicía esta mañá unha veciña de Alcolea.

Todo apunta a que o cativo foi estrangulado pola nai, os investigadores tratan de determinar se o crime se produciu na casa onde o neno vivía con ela ou de camiño a El Ejido, onde a muller foi detida co pequeno morto dentro do seu coche.

Nas próximas horas agárdase que a muller pase a disposición xudicial no xulgado de garda de El Ejido.

Noticias web

11/10/2019