CRTVG

Buscar

Os pacientes de COVID-19 perden o sentido do olfacto e sofren alteracións no gusto

Publicado o 03/04/2020 10:55

• Un estudo internacional atopa novos síntomas na diseminación do virus en Europa

• Analizáronse pacientes de 12 hospitais de España, Italia, Francia e Bélxica

Os pacientes de COVID-19 perden o sentido do olfacto e sofren alteracións no gusto

Preto do 80 por cento dos pacientes diagnosticados por COVID-19 perden por completo o sentido do olfacto, e unha porcentaxe aínda maior (o 88 por cento) sofre algún grao de alteración do gusto, segundo un estudo internacional.

Trátase do primeiro estudo publicado ata o de agora sobre a presenza destes síntomas en pacientes cunha infección leve ou moderada por coronavirus, na revista European Arquives of Oto-Rhino-Laryngology. O traballo realizouno o grupo de Novos Investigadores da Federación Internacional de Sociedades de Otorrinolaringoloxía (EU- IFOS), co apoio da Sociedade Española de Otorrinolaringoloxía e Cirurxía de Cabeza e Pescozo (SEORL-CCC) e outras sociedades europeas.

En total foron analizados 417 pacientes dun total de 12 hospitais de 4 países distintos (España, Bélxica, Francia e Italia).

Entre as conclusións destaca que un 79 por cento dos pacientes analizados non presentaron síntomas como obstrución nasal ou rinorrea, síntomas comunmente asociados a outras infeccións  virales a nivel nasal.

Tamén é significativa a maior propensión das mulleres para sufrir alteración do olfacto.

En canto ao gusto, o 88 por cento dos pacientes manifestou dificultades para identificar distintos sabores como doce, salgado ou amargo.

Segundo explicou o doutor Carlos M. Chiesa, coordinador de EU- IFOS da SEORL-CCC, os datos clínicos que chegaban do continente asiático destacaban como síntomas máis prevalecentes a febre, a tose, dificultade para respirar, secrecións espesas, dores musculares ou articulares, diarrea, dor de cabeza, dor de gorxa ou rinorrea. 

"Con todo, vimos como a diseminación do COVID-19 en España e en Europa se acompaño de dous novos síntomas, como son a alteración do sentido do olfacto e do gusto", precisou. 

Ata o de agora só se describiron alteracións do olfacto asociadas a infección por outros virus, como o virus de Epstein-Barr, parainfluenza, rinovirus ou mesmo outros virus da familia dos coronavirus.

As hipóteses que poderían explicar por que os pacientes do continente europeo coa enfermidade causada por este novo coronavirus desenvolveron síntomas ou alteracións sensoriais na área de nariz e garganta son varias. Entre elas, a predisposición á enfermidade dalgúns individuos ou as mutacións xenéticas sufridas polo virus descritas recentemente por investigadores italianos, subliñou o doutor Pablo  Parente, coordinador do Grupo de Traballo en COVID-19 e director de Relacións Internacionais da  SEORL-CCC.

De momento, os resultados son preliminares e non permiten aínda coñecer completamente o significado deste síntoma na enfermidade ou a porcentaxe de pacientes que lograsen recuperarse.
"Con todo, o seguimento dos mesmos axudaranos a recoller unha maior cantidade de datos para ofrecer información correcta e contrastada aos nosos pacientes", indicou o doutor Christian Calvo.