CRTVG

Buscar

Os ourensáns 'foxen' a concellos limítrofes no tempo de lecer

Publicado o 05/10/2020 13:38

Imaxes de clientes consumindo na barra ou en grupos de non conviventes son imposibles na cidade de Ourense desde a medianoite do venres pasado, cando entraron en vigor as novas medidas para frear a covid−19, as máis restritivas de Galicia. E a reacción non se fixo esperar. Durante toda a fin de semana disparouse a demanda en bares e restaurantes de concellos limítrofes, especialmente en Barbadás, segundo nos confirman os propios hostaleiros.

Emilio Chicote ten un restaurante en Barbadás: "Houbo moita afluencia de xente, entre o sábado e o domingo, de fóra da Valenzá, que non é habitual de todos os días. Varios grupos de amigos: oito, seis, cinco... tamén unha mesa de dez, que quería reservar, pero dixémoslles que non tiñamos sitio", asegúranos.

Tamén observaron os veciños da zona esa afluencia masiva coa que moitos non están de acordo: "Os da Valenzá xa estamos aquí, aguantando a que está caendo, e os de Ourense que queden en Ourense e cada un no seu sitio, os de Madrid en Madrid e cada un na súa casa". "Se me dis que é necesidade, podo entendelo, pero por tomar un café ou unha cervexa, pois cómpralo no supermercado e tómalo na casa".

As restricións na cidade de Ourense non afectan, polo momento, á mobilidade, pero os veciños da Valenzá apelan á responsabilidade individual: "Non o vexo normal, que nun sitio dunha maneira, noutro doutra... Temos que ser máis conscientes, eu penso que tiña que haber máis control". "Se che mandan estar na casa, hai que estar na casa. Ningún estamos por gusto". "Hai que obedecer o que din, se non, estamos apañados".

O concello de Barbadás acaba de publicar un bando en que insta os veciños ao cumprimento da normativa sanitaria, conforme, din, ao aumento substancial de positivos por covid−19. Entre outras cousas, aconsellan evitar desprazamentos innecesarios.

Noticias web

05/10/2020