CRTVG

Buscar

Os novos contaxios seguen á baixa en España, con 10.222, pero as mortes soben a 369

Publicado o 25/11/2020 18:48

As comunidades autónomas notificaron este mércores ao Ministerio de Sanidade 10.222 novos casos da covid−19, 5.400 deles diagnosticados nas últimas 24 horas. Isto supón unha cifra moi inferior respecto aos 15.318 do mesmo día da semana anterior. 

A cifra global de contaxios elévase xa a 1.605.066 desde o inicio da pandemia, segundo as estatísticas oficiais. A incidencia acumulada nos últimos 14 días por 100.000 habitantes sitúase en 340, fronte a 362 onte e 452 o mércores pasado, cun total de 160.280 positivos nas pasadas dúas semanas. 

No informe deste mércores engadíronse 369 novos falecementos, en comparación cos 537 de onte e os 351 do mércores pasado. Na última semana faleceron 1.204 persoas. 44.037 persoas faleceron desde que o virus chegou a España, 

Actualmente, hai 15.986 pacientes ingresados en toda España (16.701 onte) e 2.838 en UCI (2.853 onte). Nas últimas 24 horas, producíronse 1.471 ingresos (1.461 onte) e 2.085 altas (2.092 onte). A taxa de ocupación de camas por coronavirus sitúase xa no 12,84 por cento (13,43 % onte) e nas UCI no 28,98 por cento (29,06 % onte).

Desescalada en varias zonas de España

Despois do esforzo, chegan as recompensas. Asturias mellora os seus datos tras varias semanas de severas restricións, e o goberno permite certas licenzas. Primeira xornada de apertura do pequeno comercio con límites de acollida e respecto ás medidas de protección. Hostalería e universidade mantéñense pechadas.

Castela e León tamén levanta restricións en Ávila e Segovia, as únicas dúas provincias que se sitúan por debaixo dos 400 casos por cada 100.000 habitantes. A Rioxa levanta a restrición en Logroño a partir deste domingo pero amplía o peche perimentral na comunidade autónoma ata o 19 de decembro.

A incidencia acumulada en España baixa en 22 puntos e sitúase nos 340 casos por cada 100.000 habitantes. A pesar dos datos en positivo, todas as comunidades traballan arreo para readaptar os conceptos clásicos do Nadal. En Cataluña xa están negociando cos Reis Magos. A Tarragona chegarán de xeito virtual e sen cabalgata para adaptarse aos tempos de pandemia.