CRTVG

Buscar

Os nomes dos ministros daríanse a coñecer o mércores se Sánchez sae investido

Publicado o 06/01/2020 15:25

Pedro Sánchez aínda non foi investido presidente, pero o seu socio de Goberno, Unidas Podemos, xa fixo públicos os nomes dos seus ministros. Entre eles a galega Yolanda Díaz, que sería Ministra de Traballo. O primeiro consello de Ministros celebraríase este mesmo venres.

Quedan nomes por confirmar, pero nos últimos días fóronse despexando algunhas incógnitas sobre a composición do novo Executivo. Confirmados xa os cargos que achega ao goberno de coalición Unidas Podemos, e a estrutura con tres vicepresidencias, de cumprírense os prazos, este venres xa se celebraría o primeiro Consello de Ministros deste novo mandato de Pedro Sánchez, no que polo de agora hai dúas galegas: Yolanda Díaz e Nadia Calviño.

Se Pedro Sánchez logra ser investido presidente na segunda votación, prevese que dea a coñecer o seu goberno o mércores. O xoves o BOE publicaría os nomeamentos dos ministros, dos que xa coñecemos algúns nomes.

Haberá tres vicepresidencias, unha social, a cargo de Pablo Iglesias, outra política para Carmen Calvo e outra económica, da man da actual ministra do ramo, Nadia Calviño, economista nada na Coruña e que era Directora Xeral de Presupostos da Comisión Europea antes de volver á administración española.

Outra galega, a deputada de Galicia en Común Yolanda Díaz, avogada laboralista, levará a carteira de Traballo, da que se escinden as competencias en Seguridade Social. Pola banda de Izquierda Unida, de onde provén Díaz, na coalición de Goberno entra o propio coordinador xeral, Alberto Garzón, futuro ministro de Consumo, con competencias para regular tamén as casas de apostas.

Como Ministro de Universidades, o sociólogo Manuel Castells, un teórico de prestixio, estudoso da sociedade da información con ampla proxección internacional e múltiples recoñecementos. A carteira de Igualdade quedaría cargo de Irene Montero, actual número dous de Unidas Podemos.

Noticias web

06/01/2020