CRTVG

Buscar

Benvidos á illa do Grove: así quedará a costa galega en 2050 co quecemento global

Publicado o 30/10/2019 23:42

A partir do 2050 inundaranse cada ano zonas costeiras de todo o mundo en que agora viven 300 millóns de persoas, se non se frea o cambio climático, segundo un estudo publicado en Nature Communications. Este estudo triplica as cifras estimadas ata agora cos modelos de predición habituais.

No mapa que elaboraron tras facer o estudo pódese observar que, en xeral, toda a costa galega verase afectada por esta problemática, pero hai puntos de Galicia que o sufrirán máis: Xove, Viveiro, Vicedo, Mañón, Ortigueira, Cariño, Cedeira, Valdoviño, Ferrol, Fene e A Coruña.

Cara ao sur podemos distinguir a zona de Carnota, o parque natural das dunas de Corrubedo, que quedará totalmente inundado; Pontecesures, a Illa de Arousa, coa metade do terreo somerxido; O Grove, que se converterá nunha illa; o curso baixo do río Umia dende Ponte Arnelas, en Ribadumia, e A Guarda.

Pero estas son só algunhas das moitas consecuencias que traerá a subida do nivel do mar. Sen dúbida, a área de todo o planeta con máis risco de inundación vinculado ao cambio climático é Asia. Aproximadamente 237 millóns persoas dos 300 que viven en zonas de risco atópanse nun país asiático.