CRTVG

Buscar

Os lobos atacan un rabaño de xovencas en Abadín

Publicado o 17/01/2020 14:43

Unha xovenca de oito meses foi trabada polos lobos na parroquia de Baroncelle, en Abadín. O animal ten feridas nas dúas patas traseiras e nunha dianteira e, aínda que foi cosida e tratada polo veterinario, o máis probable é que morra nas vindeiras horas. O ataque produciuse de madrugada neste prado a escasos dez metros de dúas vivendas habitadas. As perdas puideron ser moito peores pero a rápida reacción dunha veciña conseguiu que os lobos fuxiran antes de causar máis danos.

"Eu saín en pixama e zapatillas. Porque vin un bicho enriba dunha vaca. Cando chegamos o meu fillo e eu xa marchara o bicho pero a vaca estaba tirada e sangraba".

"Chamounos a veciña ás catro da mañá avisando de que entrara o lobo e atacara unha xata. Cando chegamos xa a vimos trabada e con sangue".

Os lobos convertéronse nun serio problema para os gandeiros de Abadín nos últimos anos. Segundo contan, rara é a semana en que non se rexistra algún ataque contra vacas rubias e pintas, cabalos e ovellas. Ademais dos animais que matan, tamén causan trastornos ao resto dos rabaños porque quedan moi alterados e iso afecta a súa saúde. Por iso, os gandeiros piden solucións inmediatas a esta situación.

"Hai pouco xa nos mataron outra xata coma esta e os ataques son seguidos. Estamos xa cansos desta situación." "Eu quería salvar a vaca como fora e non pensei no risco para min. Nin sequera traía nada nas mans, só un foco".

Neste último ataque, os lobos saltaron os arames e o pastor eléctrico que protexían a leira tanto para entrar como para fuxir cara ao monte lindeiro onde se acubillan.

Noticias web

17/01/2020