CRTVG

Buscar

Os líderes políticos descansaron da campaña na España baleirada e Madrid

Publicado o 27/04/2019 20:25

Os líderes dos dous partidos principais viviron esta xornada en localidades da España baleirada, pero non foi unha escolla de circusntancias porque manteñen relacións familiares e vivenciais con elas. Pablo Casado desprazouse ata a vila abulense de Las Navas del Marqués, onde ten unha casa alugada para pasar as fins de semana. Hoxe paseou coa súa muller e os fillos a carón dun río e tiveron ocasión de achegarse a unha explotación gandeira. Neste lugar Casado convocou algúns actos políticos de relevancia relacionados co PP de Castela e León.

Mentres, Pedro Sánchez estivo este sábado, tamén acompañado pola familia, na localidade natal do seu pai, en Anchuras (Cidade Real). Trátase dun lugar ao que acudiu en momentos significativos da súa vida política e hoxe púidose ver departindo cos veciños e tamén paseando por unha ruta de sendeirismo. En Anchuras xoga sobre seguro, porque o PSOE ten gañadas de antemán as eleccións municipais xa que só se presenta a súa candidatura.

O líder de Podemos, Pablo Iglesias, foi o único que convocou os medios de comunicación para convidar á participación nas urnas: "Os cidadáns escoitáronos debater, escoitaron as propostas e mañá tócalles decidir". 

Iglesias facía estas declaracións antes de entrar nunha sala de cine madrileña para visionar un documental que analiza diversos problemas do planeta arredor do cambio climático.

Finalmente, Albert Rivera explicaba a través dun video colgado no seu perfil de Instagram que pasou a xornada de reflexión en Madrid descansando e cargando baterías, O líder de Ciudadanos comentaba que se dispón a "vivir un día histórico mañá pola noite".
 

Noticias web

27/04/2019