CRTVG

Buscar

Preocupación entre os hostaleiros dos concellos con novas restricións

Publicado o 03/09/2020 21:09

Terrazas e locais, coa súa capacidade reducida ao 50 %, cinco persoas máximo por mesa e sen poder ofrecer o servizo de barra. As restricións amplianse a cinco concellos máis: Carballo, A Laracha, Santa Comba, Santiago e Ourense, e os hostaleiros acóllenas preocupados.

"Con dor e resignación, non nos queda outras", di o voceiro dunha asosiación de hostalería de Ourense. "O sector esta preto da ruina absoluta", asegura o representante doutra asociación de Santiago. 
Moitos aínda teñen persoal en ERTE. Temen o peor se as restricións se prolongan e o mal tempo lles impide aproveitar as terrazas. Hugo Cabana é propietario dun restaurante en Compostela. Teme ter que despedir algún empregado.

Algunhas asociacións de hostaleiros cren que se está poñendo inxustamente o foco neles.

"Semella que somos a pandemia desta pandemia, todos os paus veñen enriba da hostalería", di Francisco Javier Outomuro, presidente da Unión de Hostaleiros de Ourense.
"Non temos datos porque ninguén nos dá datos concretos con criterios sanitarios para tomar estas medidas que cualifican de preventivas. Nós cremos que as medidas preventivas teñen que ser doutro tipo", asegura Lois Lopes, da Asociación de Hostalería de Compostela.

Lalín é a última localidade onde se detectou un gromo vinculado co sector hostaleiro. A orixe estaría nun bar que leva pechado uns días.
"Non estou máis preocupada que antes. Eu xa estiven sempre preocupada, desde o primeiro momento" di unha veciña de Lalín. "Isto é malo para todos, para os negocios e para todos, porque a xente non nos atrevemos a saír moito", di outro lalinense.

En Lalín non se impuxeron novas restricións na hostaleria. En Lugo ampliáronse outra semana máis. No barrio da Milagrosa comezaron a abrir as súas portas algúns establecementos hostalerios que pecharan en protesta por non lles permitiren traballar dentro dos locais.


 

Noticias web

03/09/2020