CRTVG

Buscar

Os hostaleiros de Verín prepáranse para reabrir tras un mes e medio pechados

Publicado o 25/11/2020 14:27

"Foi unha temporada dura. Preparando para levar, todo o que se podía, pero xa estamos afogados, con medo. Precisamos traballar canto antes", di Carlos, do restaurante Botánico. Neste tempo, mes e medio, moitos fóronse sumando á opción de comida para levar e servizo a domicilio, pero as contas, din, non son as mesmas.

Begoña Vázquez Gago, do restaurante Regueiro da Cova, di que "non traballas igual, ao mesmo ritmo. Pasas de empratar a empaquetar. Sempre dis que hai que gardar das duras para as maduras, pero esta foi moi dura. Intentaremos recuperar un pouquiño nesta nova temporada".

Agora toca reactivar a maquinaria: abastecer as despensas, recolocar as mesas, limpar e desinfectar...

Antonio Álvarez, do restaurante Brasil, conta que "por exemplo, agora estou facendo ensalada e caldo, e preparando uns grelos para o cocido do domingo. Agora empezar a limpar, porque levaba un mes e pico cerrado, vas limpando o po, pero hai que repasar cubertos e todo. Por ética profesional".

Hoxe hai en Verín 1 só caso activo de covid-19, catro menos ca onte. No pico desta segunda onda chegou a haber 92. A partir da medianoite, suavízanse as retricións. Verín pasa ao nivel 2, con ocupación ao 50% en interiores e 75% nas terrazas.

"Xa tiña que estar aberto, igual que no Carballiño e por aí". "O ter os bares cerrados, inflúe en todo: o pequeno comercio, os salóns de peiteado...", sinalan dous veciños.

Tamén se suavizan as medidas en Coles e no concello veciño, Amoeiro, onde non se rexistrou ningún contaxio nos últimos 14 días.

Peor está a situación en Valdeorras. Na Rúa e Petín, o comité clínico acordou manter as restricións actuais pero intensificarán a vixilancia da evolución epidemiolóxica por se fose preciso endurecer as medidas.

Noticias web

25/11/2020