CRTVG

Buscar

Hostaleiros da Milagrosa en Lugo pechan en protesta polas restricións ditadas polo aumento de infectados

Publicado o 29/08/2020 23:19

Son restricións aínda maiores ás de ámbito municipal as que deben cumprir os veciños e hostaleiros do barrio da Milagrosa, pero responden ao aumento de casos nesta zona, a máis poboada da cidade e polo tanto con maior capacidade de transmisión do virus.

As reunións aquí xa non poden ser de máis de cinco persoas. A norma para os bares e cafeterías di que só atenderán nas terrazas, con ese mesmo límite de cinco clientes por mesa e ao 50% da súa capacidade. A resposta da hostalaría foi pechar os seus locais porque din que así non lles dan as contas. En total 56 bares tomaron esta decisión ata o próximo venres.

"Imos pechar como protesta. Daremos servizo a domicilio para as casas, pero non se pode aguantar isto. É unha inxustiza en toda regra. Temos a cargo trece empregados e a nós cústanos a vida. Eu síntome como unha apestada. Para min non é xusto. Ou todo Lugo nos confinamos ou nos confinan, ou todos temos as mesmas leis", di unha hostaleira.

"Polo menos tiñan que deixarnos abrir e deixarnos funcionar porque vivimos disto", asegura outra.

Os restaurantes si poden servir no seu interior, co local ao 50% e co límite de cinco comensais por mesa. Nos eventos deportivos e campamentos xuvenís do barrio haberá a metade de participantes ca no resto da cidade. Ademais o concello reforzou durante esta xornada a desinfección e limpeza nestas rúas.

"É unha responsabilidade de todos tratar de contelo. A propia, a individual de cada quen empregando a máscara, coa desinfección de mans, extremando a distancia de seguridade e todas as precaucións posibles e tamén a colectiva, a que temos as administracións tomando decisións", di Álvaro Santos, concelleiro do Medio en Lugo.

As medidas publicadas a última hora de onte pola Xunta serán revisadas en cinco días, despois de constatar a situación epidemiolóxica da zona nese momento.

Noticias web

29/08/2020