CRTVG

Buscar

Os hostaleiros adáptanse aos novos hábitos de consumo

Publicado o 12/05/2020 15:20

Se xa foron a un local de hostelaría seguro que repararon nos cambios. Hai novidades coma menús que só se poden consultar polo móbil, e a desinfección é constante en mesas e cadeiras. Moitos clientes pagan agora con tarxeta aínda que só tomen un café.

"Onte houbo clientes que non se comportaron. Cambiaban dunha mesa a outra, dábanse bicos, apertas", di un hostaleiro.

A mañá despois do primeiro día de terrazas a paisaxe era diferente en Compostela.

"Ao empezar a chover, a xente quedou na casa, igual porque xa colleron costume", subliña outro traballador. 


Os que saíron atopaban novos modos nos bares.

Camareiros que comezaban a xornada con máis responsabilidades.

"Son catro persoas por mesa e dous metros de separación entre mesas", comenta un traballador.

Mesas sen mantel, nin panos, nin escarvadentes. Aínda que poden ter tapa.

"Si, sempre individuais, nada para compartir. E extremando a hixiene nas mesas", di outro traballador.

"Desinfectar a mesa e as cadeiras cada vez que se levanta un cliente, e o cuarto de baño igual", subliña un empregado.

Tamén as cadeiras se desinfectan tras cada uso, e os clientes fóronse animando segundo a chuvia ía remitindo.

A vida segue, pero con novos modos, como pagar un café con tarxeta, como atopar sobre a mesa o menú e non poder tocalo.








 

Noticias web

12/05/2020