CRTVG

Buscar

Os grupos acusan a Unidos Podemos do bloqueo no Pacto de Toledo

Publicado o 20/02/2019 20:32

As 22 recomendacións do Congreso que parecían case pechadas para mellorar o sistema de pensións quedarán para outra lexislatura. A presidenta da comisión do Pacto de Toledo non convocará unha xuntanza final. Tanto Celia Villalobos como o resto de grupos apuntan a un mesmo responsable, Unidos Podemos, de dinamitar o acordo ao multiplicar a última hora o que en principio eran só 3 votos particulares.

Celia Villalobos, presidenta da Comisión do Pacto de Toledo: "Podemos, de forma sorpresiva para min e para o conxunto de voceiros, decidiu que presentaba emendas e votos particulares a todo, desde a introdución ata a última".

Mercé Perea, PSOE: "Toca agora que Podemos ensine que votos particulares eran, porque ata agora non dixeron nada. En ningún caso, isto que acabamos de escoitar da voceira de Podemos se propuxo na mesa do Pacto de Toledo".

Sergio del Campo, Ciudadanos: "Saíu Podemos onte, dinamitou o pacto para iniciar a súa campaña e vimos como xa o está utilizando para facer un mitin".

O que parece que xa non haberá nesta lexislatura é acordo entre os partidos sobre o futuro do sistema de pensións. A popular Celia Villalobos rexeitou convocar unha nova xuntanza do Pacto de Toledo ante as discrepancias que afloraron nas últimas horas. Todos os grupos apuntan a Unidos Podemos como o responsable de dinamitar o acordo.

Podemos defende o seu dereito a discrepar dunhas recomendacións que, na súa opinión, suporían unha mingua futura das pensións públicas.

Yolanda Díaz, Unidos Podemos: "Onte querían dar un portazo e un pacto entre partidiños para seguir recortando as pensións. Pois somos un obstáculo. Non o imos facer".

A ruptura deixa no aire 3 anos de traballos para garantir o futuro das pensións.

Noticias web

20/02/2019