CRTVG

Buscar

Os gandeiros presentarán denuncias no xulgado polos danos do xabaril na colleita de millo

Publicado o 11/09/2020 14:43

Os gandeiros prexudicados pola fauna salvaxe nas comarcas do Eume, Ortegal e Ferrolterra van denunciar no xulgado os danos que lles provocan especies salvaxes como o xabaril. Din que despois de anos loitando, as explotacións gandeiras seguen asumindo un custo que arruína.  En plena colleita de millo forraxeiro hai gandeiros que ven como desaparece o que vai ser o seu remanente para alimentar o gando no inverno. O problema non é novo os danos que causa son cada vez maiores. Falamos do xabaril.

David Arnoso. Gandeiro e presidente de Prolega di:" Tes unha leiras que non as podes aproveitar. Vas sementar millo e non vas recoller nada e non puideches apañar herba antes pola sementeria. Quedas fastidado porque tes que comprar forraxe. Invistes en sementar, sulfatar, preparar a terra a metade dos cartos e despois tes que gastar outros tantos en compralo forraxe porque quedas sen el. Para ter unha perdas de 2.000 euros por hectárea no fai falla nada."

José Antonio Muíño. Gandeiro e presidente de APERFASA asegura " Non podemos seguir sobrevivindo con estes niveis de problemática. Hai explotacións que están chegando case a ter que pechar, derivado dun problema de solvencia porque ao final teñen que comprar o forraxe. Creo que a situación non o permite, porque non se pode presumir de estar no mellor momento."

Nas contornas entre Ferrol e Ortegal hai gandeiros que perderon mesmo a metade da súa producción, e sementan entre 20 e 80 hectáreas cada un. Despois de anos loitando e tendo conversas con todas as entidades e administracións moitos están ao límite.

David Arnoso. Gandeiro e presidente de Prolega O millo é o que mellor rendemento dá. Outros cultivos non se parecen en nada, ao millo que é un forraxe excelente. Probamos a pechar as leiras, rebentan os fíos do pastor. E chega un momento en que non sabes nin que facer.

José Antonio Muíño. Gandeiro e presidente de APERFASA Ten que haber uns responsables de todo isto. Polo tanto imos acudir aos tribunais para buscar responsables polos danos.

Entenden que non é cuestión de erradicar especies, pero si de controlalas, porque a mesma superpoboación dunha non só e perxudicial para o home, tamén para o medio natural.

Noticias web

11/09/2020