CRTVG

Buscar

Os fumadores teñen o dobre de posibilidades de morrer de COVID-19

Publicado o 31/05/2020 12:25

O tabaquismo mata cada ano no mundo 8 millóns de persoas. Unha pandemia vella, lembra a OMS cunha advertencia: os fumadores que padecen a nova, a covid-19, teñen máis posibilidades de morrer.

"Temos unha certeza absoluta e é que o fumador que se infecta por coronavirus e desenvolve esta enfermidade ten o dobre de posibilidades de que as cousas vaian peor, ten o dobre de posibilidades de que requira ingreso en UCI e soporte ventilatorio para poder seguir respirando e ten o dobre de posibilidades de falecer", di Abel Rodríguez Canal, do Servizo de Pneumoloxía do CHUO.

Isto é porque as vías respiratorias e o pulmón dos fumadores son máis vulnerables e vanse defender peor da covid-19. Pero é que ademais, avisan os pneumólogos, tamén teñen máis risco de coller o coronavirus.

"Un fumador leva máis ou menos 300 veces ao día o cigarro á boca, evidentemente cunha máscara isto non se pode facer, hai que mover a máscara, a min estráñame que as 300 veces mova a máscara ben de atrás cara adiante sen tocala, xa empezando por aquí protéxese peor ca os non fumadores contra a infección por covid" di Abel Rodríguez Canal do Servizo de Pneumoloxía do CHUO.

E reparan que co confinamento aumentou o consumo do tabaco e que moitos que estaban intentando deixalo recaeron. Dende principios deste ano están financiados parcialmente dous fármacos que axudan a ter unha vida sen fume. E agora, co coronavirus, máis motivos para deixalo.

Noticias web

31/05/2020