CRTVG

Buscar

Os fumadores contáxianse antes

Publicado o 31/03/2020 20:59

Os médicos aconsellan aproveitar a corentena para deixar o tabaco. Os fumadores están entre as persoas que máis pronto se contaxian coa COVID-19. E aínda que non hai estudos concluíntes, algúns especialistas cren que poderían ter un prognóstico peor. É dicir, que a enfermidade pode agravarse máis neles ca noutros pacientes.

Pedro Jorge Marcos, pneumólogo do CHUAC: "O primeiro é que se fumaba que intente deixalo aproveitando a corentena. Se tomaba algún medicamento para os bronquios que o sigan tomando igualmente sen cambialo. E que sigan as recomendacións dos médicos".

E entre eses consellos están simplemente lavar moito as mans, tusir no cóbado e non facer caso das mentiras que circulan nas redes.

Pedro Jorge Marcos, pneumólogo do CHUAC: "Iso que vemos de que se un é capaz de aguantar a respiración 10 segundos sen tomar aire ou tusir xa pode comprobar que non ten coronavirus é unha falacia. Iso de que gargarexar con auga quente evita a infección tampouco ten base científica e tampouco o de facer bafos con auga moi quente para matar o virus ten xeito".

Así que deixémonos de experimentos e apliquemos o que xa está confirmado cientificamente. Apagar o cigarro para sempre pode ser o noso mellor seguro de vida.
 

Noticias web

31/03/2020