CRTVG

Buscar

Os forenses din que o acusado do crime de Chapela non tiña síndrome de abstinencia

Publicado o 10/04/2019 14:24

Terceira xornada do xuízo polo crime de Chapela que se celebra en Vigo. Esta mañá declararon os forenses que lle realizaron o exame psicofísico ao acusado. Nos seus informes concluíron que José Luis Luna non presentaba sinais de intoxicación por drogas ou alcol nin síndrome de abstinencia. Para estes facultativos, o acusado foi plenamente consciente dos seus actos.

Por terceiro día consecutivo, chegaba aos xulgados vigueses José Luis Luna, que senta no banco acusado polo crime de Chapela. Esta mañá o xurado popular escoitou o testemuño dos forenses que o examinaron física e psicoloxicamente. Todos concluíron que as analíticas de ouriños que se lle practicaron demostran que non consumira drogas, polo menos dende os catro días previos ao crime.

Nin os seus informes nin o exame médico que se lle practicou ao acusado poucas horas despois dos feitos reflicten sinais de que consumira alcohol ou de estar baixo os efectos da síndrome de abstinencia. Os forenses explicaron que o acusado amosa unha conduta antisocial. É frío, non respecta as normas e carece de empatía, pero non padece trastornos mentais que poidan explicar a súa conduta. Para estes profesionais, José Luis Luna distingue o ben do mal e, en todo momento,  foi consciente dos seus actos.

Na vista, o xurado tamén escoitou o informe da autopsia que se lle practicou á vítima. O forense explicou que Daniel Beltrán morreu como consecuncia dunha ferida "mortal de necesidade" producida por unha bala que lle entrou polo peito e lle saíu polas costas, afectando o seu corazón e os pulmóns. Os sinais que o proxectil deixou na súa roupa e as lesión anatómicas que presentaba o falecido tamén demostran, segundo os forenses, que o disparo foi relaizado a "canón tocante" e cun revólver de gran calibre como o que se lle incautou ao acusado. Pola tarde, o xuízo retomarase na Audiencia.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

10/04/2019