CRTVG

Buscar

Os feirantes maniféstanse en Santiago en demanda de solucións para o sector

Publicado o 12/06/2020 19:51

E os feirantes continúan sen ver a luz ao final do camiño. Coas suspensión das festas, a súa actividade está paralizada. E tamén os seus ingresos. Hoxe volveron manifestarse en Santiago para esixir unha solución.

É un dos colectivos máis afectados pola pandemia do coronavirus. As medidas de distancia social e a conseguinte prohibición das aglomeracións obrigou a cancelar as moitas festas e verbenas que se celebran en Galicia coa chegada da primavera. Tres meses xa están perdidos. E nas festas que se poidan celebrar no verán, non saben cantos van poder traballar.

 "Xa levamos, pasado un inverno seis meses sen ingresos porque levamos sen ingresar desde outubro, agora estes seis meses de ingresos tamén perdidos, xa suman doce, e quedan os do próximo inverno, serían dezaoito, é unha situación insostible"

Por iso están dispostos a seguir coas manifestacións ata que lles ofrezan un plan específico de desescalada ou outras alternativas.

"En caso de que non poidamos traballar por aglomeracións de xente ou o que sexa, que nos teñan en consideración, con algún tipo de axuda ao sector ou o que sexa"

"Lamentablemente somos os últimos en arrancar e non entedemos por que, xa que o noso sector move un volume de negocio equiparable ao sector servizos ou o turismo"

Aseguran que algúns compañeiros, ante a crítica situación económica que viven, xa decidiron buscar traballo noutros sectores.

Noticias web

12/06/2020