CRTVG

Buscar

Os exteriores do pazo de Meirás abriranse ao público o 30 de xaneiro

Publicado o 19/01/2021 16:38

• O Estado permite aos Franco sacar bens non inventariados e electrodomésticos

O pazo de Meirás reabrirá as súas portas ao público o próximo 30 de xaneiro, pero farao só para visitar o exterior do inmoble, polo que haberá que esperar á segunda quincena de marzo, se a pandemia o permite, para poder acceder ao interior da propiedade, xa xestionada polo Estado tras a súa devolución pola familia Franco o pasado decembro.

O Goberno convocou este martes unha nova reunión da comisión técnica do pazo de Meirás para estudar a data da reapertura das visitas ao inmoble e para crear unha comisión de expertos sobre o relato e os futuros usos da que fóra residencia de verán do ditador e que en 1893 mandou construír a escritora Emilia Pardo Bazán.

Tras a reunión, celebrada por videoconferencia, o executivo anunciou que esta apertura ao público dos exteriores do edificio farase, en principio, só para os residentes de Sada (A Coruña), onde se sitúa o pazo, ante a información do alcalde da localidade, Benito Portela, de que se vai a perimetrar o municipio por razóns da pandemia da covid-19.

En canto ás visitas ao interior do inmoble, está previsto que se poidan desenvolver a partir da segunda quincena de marzo se as condicións de seguridade pola pandemia o permiten e cando finalicen os arranxos dos "danos" existentes e da instalación eléctrica.

Con todo, indica o secretario de Estado de Memoria Democrática, Fernando Martínez, nun comunicado, poderían abrirse algunhas estancias antes desa data. Martínez presidiu esta reunión da comisión técnica, celebrada por videoconferencia, na que ademais se abordou a creación dun grupo de catorce expertos que reflexionen sobre o relato e futuros usos de Meirás, constituído por representantes de todas as administracións representadas. 

O Estado permite sacar os bens non inventariados e electrodomésticos

A Dirección Xeral do Patrimonio do Estado estableceu que se pode entregar á familia Franco “todos os electrodomésticos” do Pazo de Meirás, así como todos os bens contidos no inmoble “que non estean incluídos no inventario” realizado pola Xunta.

Así o indica nun escrito remitido á avogada xeral do Estado, que especifica que, en particular, “non procedería a entrega dos fondos bibliográficos e as alfombras e tapices a que fai referencia o inventario”. Ademais, a petición formulada polos demandados de forma singularizada respecto de bens concretos, a Dirección Xeral do Patrimonio do Estado indica que “podería valorarse a procedencia de entregar outros bens mobles inventariados”.

Isto faríase, engade, “a medida que fose posible precisar mellor o seu grao de conexión co BIC e cos usos futuros do mesmo”. Para realizar esta valoración, tomouse como referencia o “Inventario de bens existentes nas Torres de Meirás” realizado o 11 de novembro de 2020 por técnicos da Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia.

Neste documento, concreta, establécese que “non son obxecto do mesmo as roupas e os obxectos de uso persoal, nin os artigos domésticos de uso diario ou habitual no actual funcionamento da vivenda, nin o mobiliario e os obxectos meramente funcionais que existen nas dependencias de servizo”.

Noticias web

19/01/2021